Skip to main content
Lugo

Últimos días para inscribirse no curso de escritura de guións que imparte Pepe Coira

Por 24 Febreiro, 2021Sin comentarios

A Área de Cultura do Campus de Lugo mantén aberto o prazo de inscrición para participar no curso ‘O traballo de escribir un guión’ que impartirá Pepe Coira.

O curso, que tamén poden realizar persoas alleas á comunidade universitaria, desenvolverase ao longo de oito sesións, que se impartirán os venres desde o 26 de febreiro ata o 7 de maio, en horario de 17.00 a 20.00 horas, na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo. As sesións comezarán en liña á espera de que a situación sociosanitaria derivada da pandemia permita a súa celebración presencial.

As persoas interesadas en participar nesta acción formativa da USC poden formalizar a súa inscrición nas dependencias da Oficina de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo ou a través do enderezo electrónico cultura.lugo@usc.es. Pódese obter máis información chamando ao teléfono 982 821 513.

OS CONTIDOS

O curso ‘O traballo de escribir un guión’ será impartido polo produtor cinematográfico e guionista de Rábade, Pepe Coira, e nel pretende dar resposta a tres cuestións básicas como son: para que serve un guión?, de que está feito? e como é o traballo dun guionista?.

A metodoloxía que rexe esta actividade combina aspectos teóricos e prácticos, se ben en todo caso o achegamento procura ir moi apegado á realidade da escritura do guión, á experiencia de ser guionista. Para iso, traballaranse dous tipos de exemplos: os xerados polo propio alumnado, conforme aos seus intereses e sensibilidades, e os traballos de encargo que formule o relator.