Skip to main content
Monforte

O Concello de Monforte puxo en marcha 31 proxectos desde setembro

Por 1 Febreiro, 2021Febreiro 2nd, 2021Sin comentarios

Momento da comparecencia de Tomé

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, repasou hoxe os proxectos postos en marcha polo Concello dende o pasado mes de setembro, cando no pleno municipal anunciara que o goberno local poría en marcha dende aquela data ata finais de ano “23 proxectos como mínimo” que quedarían “contratados, conveniados ou afectados por unha subvención” e que permitirían “falar dun antes e un despois” na localidade.

O rexedor socialista confirmou que se puxeron en marcha un total de 31 proxectos, que supoñen un investimento de algo máis de 10,5 millóns de euros. 

ACHEGAS POR INSTITUCIÓNS

Dos máis de 10,5 millóns de euros investidos en Monforte, Tomé detallou as achegas feitas por cada institución. Neste senso, explicou que o propio Concello aportou máis de 4,6 millóns de euros e a Deputación de Lugo, a través dos diferentes convenios asinados, algo máis de 1,1 millóns.

Referiuse tamén aos convenios asinados co I.D.A.E para renovar todo o alumeado público do concello con tecnoloxía LED  por un aporte de 2,6 millóns de euros, e os asinados coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para a mellora do saneamento, que supuxeron unha aportación por parte do organismo de conca de case 2 millóns de euros.  Finalmente, da Xunta de Galicia dixo que aportou preto de 94.000 euros.

“A raíz destes datos”, incidiu o alcalde de Monforte, “a diferencia entre administracións é abismal. E a todo isto, hai que engadir os máis de 5,5 millóns de euros da supresión dos pasos a nivel de Juan Montes e Rioseco, que se licitarán entre marzo e abril de 2021”.

AS ACTUACIÓNS

O rexedor socialista fixo un repaso pormenorizado dos 31 proxectos postos en marcha en Monforte desde setembro. Neste senso, referiuse como proxectos concluídos á instalación de novas áreas biosaudables nas parroquias de Distriz, Gullade e Moreda; a posta en valor da Torre da Homenaxe e do Centro do Viño; o acondicionamento da Fonte de Rozabales; o arranxo do local social de Reigada; a renovación ou arranxos nas rúas Costa da Pena e Ferrocarril e no Camiño da Costa; o novo alumeado do Paseo dos Loureiros; e a adecuación do espazo escénico e a mellora das telecomunicacións no Edificio Multiusos.

En execución están xa, segundo sinalou José Tomé, proxectos como a ampliación e mellora do Parque da Compañía e a dotación dun parque infantil á urbanización Val de Lemos, a construción dunha pista de skate, a dotación de iluminación ao campo da Pinguela, a mellora do local social de Probeiros na parroquia da Parte, a mellora da praza do Dr. Goyanes e tamén da accesibilidade á praza Campo de San Antonio, e tamén a peonalización das rúas Abelardo Baanante e Armando Cotarelo.

Na listaxe de proxectos sinalou ademais outra decena deles que se atopan en distinta fase de tramitación, algúns deles a piques de comezar as obras para a súa execución. Nestes proxectos en tramitación referiuse, entre outros, ao novo parque do Barrio do Hospital, a mellora do teito da Praza de Abastos, a Ponte de Ferro do Malecón e a renovación de todo o alumeado público do municipio, tanto na zona urbana como na rural.

“O programa de actuacións desenvolto dende finais de setembro de 2020 e ata finais do ano pasado, creo que en poucas ocasións foi tan ambicioso. Esta liña de traballo constante, desenvolvida polo noso equipo de goberno, por e para Monforte, terá continuidade neste 2021 que vimos de iniciar, no que seguiremos anunciando importantes actuacións e proxectos para seguir mellorando a nosa cidade e as nosas parroquias”, concluíu Tomé.