Skip to main content
Monforte

Monforte destina 300.000 euros a renovar os contedores do lixo

Por 2 Febreiro, 2021Febreiro 3rd, 2021Sin comentarios

O Concello de Monforte porá en marcha este mércores, 3 de febreiro, un plan que suporá a renovación de colectores e cubos de recollida de lixo en todo o municipio, tanto na zona urbana como nas parroquias.

O desenvolvemento deste plan é froito das negociacións do alcalde José Tomé Roca e maila empresa FCC Medio Ambiente, que supuxeron a renovación do contrato para a recollida e transporte de residuos urbanos e limpeza viaria do municipio. Así pois, a empresa concesionaria levará a cabo o desenvolvemento dun plan para instalar un total de 3.880 novos cubos e colectores de lixo, cun investimento de case 299.000 euros, en todo o municipio.

Este plan de renovación de colectores engádese ao iniciado o pasado luns para a renovación de 297 papeleiras na localidade.

Segundo o alcalde de Monforte, José Tomé Roca,  “esta actuación terá unha gran importancia para a mellora xeral do aspecto urbano do municipio e para a recollida de lixo, xa que as actuacións que imos poñer en marcha suporán a instalación en toda a cidade, así como nas parroquias do concello, de 3.630 novos cubos e colectores de lixo, destinados á recollida da fracción resto, e 250 unidades para a recollida selectiva de residuos, cun total de 3.880 colectores novos”.

Está previsto que os traballos teñan unha duración dunhas 4 semanas.

COLECTORES  PARA A RECOLLIDA DE FRACCIÓN RESTO

Para a recollida da fracción resto (os residuos restantes despois de separar os reciclables) no centro de Monforte, o contrato establecido entre o Concello e FCC contemplou dende o seu inicio o novidoso sistema de recollida porta a porta, mediante ‘cubeo’, combinado coa recollida convencional mediante colectores de carga traseira na zona periurbana e rural do Concello. Deste xeito, trala posta en marcha do plan, o Concello renovará a totalidade dos colectores empregados para a recollida da fracción resto na zona céntrica, cun total de 2.375 unidades. Ademais, tamén se renovarán todos os colectores destinados para a recollida de fracción resto mediante vehículos de carga traseira na zona periurbana, rural e tamén dos establecementos comerciais. Neste caso, suporá a renovación de 575 colectores de 240 litros de capacidade, 650 colectores de 800 litros e 30 colectores de 1.100 litros.

A renovación dos colectores da fracción resto suporá a implantación de 3.630 unidades, cunha inversión total prevista de 190.152,59 euros.

 COLECTORES PARA A RECOLLIDA SELECTIVA

Para a recollida selectiva, o Concello de Monforte apostou por colectores de carga superior, mediante a implantación de “áreas de aportación ou de reciclaxe” nas que se sitúan os iglús para a recollida de envases, papel, cartón, vidro e pilas. Renovaranse 50 unidades de cada un destes 3 tipos de contedores (iglú amarelo de envases, verde para vidro, e azul para papel e cartón), nas áreas de aportación máis utilizadas e nas que os colectores están máis deteriorados.

Nestas “áreas de aportación” tamén serán renovadas un total de 50 unidades de sinalización vertical das mesmas, nos casos en que estas sofren deterioros.

Nas “áreas de aportación” existen tamén colectores para a recollida selectiva de pilas en proximidade, ademais dos postos a disposición dos diferentes establecementos comerciais da cidade. Neste senso, o Concello destinará 50 unidades de colectores de recollida  de pilas para ás “áreas de aportación” e outros 50 para entregar en establecementos comerciais. En todos os casos, os colectores renovados que se atopen en bo estado de conservación poderán ser empregados para a implantación de novas áreas de aportación ou ben como reserva para cobertura de posibles roturas ou actos vandálicos.

O investimento destinado á renovación de colectores e áreas de recollida selectiva ascende a 108.665 euros, e renovaranse un total de 250 unidades de colectores así coma 50 unidades de sinalización vertical.