Skip to main content
Antas de Ulla

Antas de Ulla aproba un orzamento de 2,5 millóns de euros

Por 29 Marzo, 2021Sin comentarios

O pleno do Concello de Antas de Ulla aprobou este luns o orzamento xeral para este ano, que supera os 2,5 millóns de euros. As contas saíron adiante cos votos a favor do equipo de goberno, do PP, mentras que os grupos da oposición votaron en contra.

As contas que se veñen de aprobar presentan unha serie de “liñas básicas”, entre as que se atopan os servizos sociais, cuxo gasto en persoal suporá 550.000 euros. As axudas de emerxencia social reciben 12.000 euros; as axudas á hostalería e comercio, 15.000 euros; 2.500 euros irán destinados a axudas para estudantes, mentres que o persoal de atención temperá recibe 90.000 euros.

O gasto corrente derivado da situación sanitaria suporá 100.000 euros, aos que se suman 90.000 para ‘persoal covid’, o persoal específico para a realización de tarefas relacionadas coa necesidade de previr e conter o avance do virus, tales como limpeza e desinfección.

O Goberno local destina 100.000 euros para Cultura e 157.000 euros para Deporte, unha partida na que se inclúen obras de mellora no polideportivo por importe de 122.921 euros. No exercicio do ano 2021, o goberno local prevé ademais unha amortización de débeda de 85.000 euros.

MELLORAS EN VÍAS MUNICIPAIS E NO POLIDEPORTIVO

En canto aos investimentos, o orzamento municipal destina varias partidas a melloras en estradas e camiños municipais. Así, máis de 60.000 euros adicaranse á mellora do firme na estrada de Vilapoupre, Montecelos, San Fiz e Vilasión, e tamén se fará a mellora do firme na estrada de Alvidrón a San Martiño, por algo máis de 74.000 euros.

A maiores, a pavimentación en Frádegas, Santa María, Casadenaia e Aboi recibe preto de 30.000 euros, as melloras no firme de estradas en Castro de Amarante, San Martiño de Vilapoupre e Arcos supoñen 25.700 euros; a mellora do firme no Rial, 21.000 euros e a mellora do firme en Timós 12.900 euros.

As contas aprobadas hoxe recollen 48.300,49 euros para melloras en locais sociais, así como a mellora de instalacións deportivas, coa rehabilitación da cuberta e fachada do polideportivo por un importe de 122.921 euros.

Tamén se levará a cabo a humanización e substitución de servizos da Rúa General Portomeñe, actuación á que se destinan 87.267 euros. O abastecemento de augas en Caldeas suporá 22.988 euros. Faranse melloras en vías públicas e abastecemento por un total de 40.000 euros e expropiacións por importe de 3.875 euros.

Do total do orzamento resérvanse 27.000 euros para acometer diversas melloras no Centro de Saúde, no Colexio, na Casa da Cultura e na Casa do Concello así como traballos de iluminación e monitorización de depósitos.