Skip to main content
Lugo

O parque de Augas Férreas, camiño de ser o terceiro cuberto en Lugo

Por 7 Marzo, 2021Sin comentarios

O parque infantil de Augas Férreas

No barrio de Augas Férreas, en Lugo, veñen de iniciarse as obras para a cobertura e renovación do parque infantil, ás que o Concello destina 166.400 euros.

Os traballos, que teñen un prazo de execución de catro meses e medio, inclúen tarefas de acondicionamento das actuais dotacións, a colocación dunha gran estrutura que cubrirá e protexerá a área de xogos, así como a instalación dun novo rocódromo e un pórtico triplo, co que se aumentará nun terzo a superficie do parque.

O rocódromo ou xogo infantil de escalada ao aire libre que se vai habilitar está pensado para nenos de  5 a 8 anos. Ademais o parque ampliarase tamén coa instalación dun novo pórtico triplo, composto por un asento niño e dous asentos planos, dos cales un será inclusivo e o outro para bebés.

A superficie final habilitada como área de xogos será de case 400 metros cadrados, dos que 236 coinciden coa área xa existente previamente, e os outros 160 coa ampliación.

O de Augas Férreas pasará ser o terceiro parque infantil cuberto da cidade, sumándose aos que hai na contorna do Pazo de Feiras e na praza Agro do Rolo, o que favorece que as familias lucenses os poidan empregar durante todo o ano, ao tempo que se contribúe ao seu mantemento e conservación pola protección que as cubertas supoñen fronte ás inclemencias meteorolóxicas.