Skip to main content
Lugo

Ruta polo Courel, o vindeiro sábado, para a ‘xuventude activa’ de Lugo

Por 17 Marzo, 2021Sin comentarios

O Concello de Lugo abriu o prazo de inscrición para facer un roteiro a pé polo Courel o vindeiro sábado, día 20. A actividade enmárcase na programación da ‘Xuventude activa’,  deseñada polo goberno local para o primeiro semestre deste ano e dirixida a mozos e mozas de 14 a 35 anos.

Esta primeira ruta discurrirá polo Courel, por onde se fará un percorrido duns 16 quilómetros e de dificultade moderada polo Monte Cido e a Devesa da Rogueira. Moitos historiadores sitúan no Monte Cido ao mítico Monte Medulio, derradeiro bastión da resistencia nativa fronte á invasión romana.

O punto de partida e de chegada é a Casa da Xuventude de Lugo. Cumprindo coas medidas de seguridade establecidas fronte á covid, faranse grupos de 4 persoas.

As persoas interesadas en participar nesta actividade poden inscribirse desde hoxe a través do formulario da páxina web xuventudelugo.gal. Os menores de idade deberán ir acompañados por unha persoa adulta.

A participación é gratuíta e dase prioridade aos mozos e mozas que estén empadroados en Lugo, seguidos dos que estuden ou traballen no municipio, e dos que residan en municipios limítrofes.

O Concello de Lugo ten programadas outras sete rutas ata o vindeiro mes de xuño apostando, deste xeito, por actividades que teñen á natureza como principal protagonista. O obxectivo é, explican, ofrecer ás mozas e mozos “novas alternativas de lecer saudables e sostibles, que combinan deporte e medio ambiente ao tempo que favorecen a relación con outros rapaces e rapazas da mesma idade”.