Skip to main content
Palas de Rei

Palas de Rei acollerá un seminario sobre robótica en abril

Por 23 Marzo, 2021Marzo 24th, 2021Sin comentarios
A Casa da Cultura de Palas de Rei acollerá, o sábado 10 de abril, un seminario sobre programación e robótica. A actividade, organizada polo Concello e o grupo Cavila da Nova Escola Galega, enmárcase na duodécima edición do Seminario de Avaliación de Materiais Didácticos.

O seminario diríxese principalmente a nenos e nenas de 1º a 6º de Educación Primaria. Poderán asistir tamén familiares, profesorado e demais persoas interesadas en iniciarse en cuestións relacionadas coas distintas tipoloxías de robos e a súa utilidade, sempre e cando queden prazas libres, dándose prioridade aos estudantes do municipio palense.

Na actividade poderán participar un total de 30 persoas, que deben inscribirse previamente a través do enderezo electrónico neg@neg.gal.

A programación inclúe ponencias e tamén obradoiros prácticos. Así, Yon Penas Busto conversará sobre computación, programación e robótica cos nenos e nenas que, a continuación, poderán participar nos obradoiros impartidos por Ana Isabel Castro Rodríguez e Rocío García Pazos, do Grupo Cavila, e polo propio Yon Penas Busto.

O seminario de robótica e programación xorde coa finalidade de ofrecer un espazo de encontro para os máis novos, co fin de favorecer a análise e utilización crítica dos robots na escola, nas aulas e nos fogares. Tamén, para ter unha visión práctica deste uso educativo.