Skip to main content
Portomarín

O PSOE de Portomarín pide un pleno extraordinario para que se reforce a limpeza dos edificios públicos

Por 30 Marzo, 2021Sin comentarios

Os socialistas de Portomarín avanzaron hoxe que rexistraron a petición da celebración dun pleno extraordinario, para demandar ao goberno local que reforce o servizo de limpeza, a través da dotación de máis persoal, posto que na actualidade, din, “é claramente insuficiente para poder cumprir cos protocolos  de prevención ante a covid”.

A voceira socialista, Silvia Rodríguez, lembrou que na pasada sesión plenaria ordinaria, celebrada o pasado 26 de marzo, o grupo municipal socialista presentou unha moción de urxencia, na que quería debater sobre “a situación da falla de limpeza e desinfección” no Colexio Virxe da Luz de Portomarín. “Pero o PP, por esconder unha situación vergoñenta e inaudita nun momento como o actual, de pandemia e perigo sanitario como a que estamos a vivir, impediu debater e votar esta moción”.

O colexio de Portomarín

Silvia Rodríguez remarca que a través desta iniciativa “pretendíamos denunciar as circunstancias nas que se atopa o colexio, tras as queixas recibidas de varias nais e pais. Pero comprobamos a neglixente postura do Concello de Portomarín, que fai caso omiso a calquera pedimento, é dunha irresponsabilidade maiúscula”.

Así as cousas replica que “esta situación non é excepcional, xa que lamentablemente vense sucedendo desde hai varios meses. De feito, cando a incidencia no Concello de Portomarín superaba os 900 casos, e había varios positivos no centro educativo, tamén se deixou de facer a limpeza necesaria durante varios días, así como calquera tipo de medidas recollidas nos protocolos de prevención e hixiene da Xunta”.

Ademais do edificio principal do colexio público, o Concello de Portomarín “tamén desiste das súas responsabilidades”, denuncian, en canto á limpeza do patio do colexio, que usan os nenos e nenas do centro a diario e que, fóra das horas lectivas, tamén está sendo utilizado por persoas alleas ao centro, e o mesmo sucedería no ximnasio. “Consideramos que é urxente e de extrema necesidade que o Concello de Portomarín cambie de actitude ante esta tesitura e empece a aplicar con seriedade e rigor as medidas de prevención establecidas nos protocolos da Xunta de Galicia para os centros educativos”, dixo Rodríguez.

Para a voceira socialista, “non podemos seguir dando as costas aos nenos e nenas de Portomarín e poñendo en risco a súa saúde. Na actualidade o servizo de limpeza nos edificios dependentes do Concello conta con dúas traballadoras, con 6 horas de xornada laboral, nas mesmas condicións que no ano 2019, antes da declaración da pandemia. Evidentemente, este servizo é claramente insuficiente, posto que nos edificios municipais e outros dependentes do Concello de Portomarín -Casa do Concello, Colexio Público Virxe da Luz e instalacións anexas, centro médico, Casa da Cultura, polideportivo municipal, e antiga vivenda do secretario- debe haber establecidos unha serie de protocolos de prevención ante a covid, o que implica un reforzamento importante na limpeza destas instalacións e a súa consecuente desinfección”.