Skip to main content
Monforte

Adxudicadas as obras de mellora da Praza de Abastos de Monforte

Por 16 Marzo, 2021Sin comentarios

O Concello de Monforte vén de adxudicar a obra de restauración e mellora da cuberta da Praza de Abastos da localidade, por preto de 64.000 euros. Ademais da propia restauración da cuberta, os traballos incluirán outras melloras que posibilitarán a futura instalación no recinto de postos de alimentos procesados.

O alcalde monfortino José Tomé, incide no dobre obxectivo desta actuación, xa que “dunha banda, suporá rehabilitar e mellorar a cuberta da Praza de Abastos, que presenta certas deficiencias que fan que se filtre auga de choiva nalgunhas zonas, e doutra, aproveitar a obra para a instalación de dúas chemineas que doten de ventilación a zona dos postos, facilitando deste xeito a posibilidade de que se poidan crear postos para a venda de alimentos procesados”.

A empresa adxudicataria ten que presentar agora o plan de seguridade e saúde e, unha vez aprobado e asinada a acta de replanteo, a execución da obra ten un prazo de dous meses.

O Concello de Monforte decidiu acometer os traballos que veñen de ser adxudicados debido a que as cubertas da Praza de Abastos, resoltas con placas de fibrocemento, atópanse en mal estado de conservación, chegando nalgún caso a filtrar auga ao interior do inmoble.

Ademais, estiman que o fibrocemento visto non é un material “acorde co entorno no que se atopa o edificio”, en pleno casco histórico de Monforte. Do mesmo xeito, os canlóns de pvc que ten o edificio para a recollida de augas pluviais son un material que tampouco se adecúa ao entorno do inmoble, ademais de atoparse tamén en mal estado de conservación.

Entre outros aspectos,  a actuación solventará tamén unha carencia que se rexistra no interior do espazo destinado ao mercado de abastos, como é a falta dun conduto de ventilación ao exterior. A construción de dúas chimeneas dará novas posibilidades á praza.