Skip to main content
Monforte

Adif destina 3,7 millóns a melloras na estación de Monforte

Por 24 Marzo, 2021Sin comentarios

Estación ferroviaria de Monforte

Adif vén licitar, por 3,7 millóns de euros, as obras de tratamento de plataformas e cruces entre plataformas na estación de Monforte. Os traballos forman parte dos proxectos de modernización do corredor ferroviario Ourense-Monforte de Lemos-Lugo.

A actuación que se vén de licitar persegue, segundo o administrador ferroviario, unha dobre finalidade. En primeiro lugar, mellorar o estado da infraestrutura e aumentar a fiabilidade das liñas e a calidade do servizo, uns labores que “contribúen tamén ao desenvolvemento doutros obxectivos fundamentais de Adif como a seguridade das circulacións ferroviarias e dos viaxeiros, o tránsito e acceso universal dos usuarios e a integración das estacións no ámbito urbano, fomentando a cohesión social dun xeito sostible”. Á súa vez, os traballos servirán para adaptar os elementos obxecto do contrato ás novas condicións de explotación que traerán consigo as actuacións de mellora previstas neste tramo.

O proxecto define as actuacións necesarias en plataformas, pasos inferiores e outros elementos da estación de Monforte. O contrato enmárcase nas actuacións previstas por Adif para mellorar a seguridade dos pasos autorizados para o cruzamento de vías ao mesmo nivel en estacións de viaxeiros e outras contornas.

MODERNIZACIÓN DO TRAXECTO OURENSE-MONFORTE-LUGO

As actuacións de mellora do tramo en servizo Ourense-Monforte de Lemos-Lugo, nas que se enmarca esta licitación, teñen como obxectivo cumprir os compromisos de Adif coa optimización das condicións de explotación comercial do traxecto, en parámetros tales como a fiabilidade, o confort e os tempos de viaxe.

Os traballos previstos inclúen a modernización e adecuación das instalacións existentes, así como a electrificación a 25 kV en corrente alterna do corredor, adaptando a electrificación existente no tramo Ourense-Monforte de Lemos e dotando de catenaria e instalacións eléctricas ao tramo Monforte de Lemos-Lugo. A primeira destas melloras, a variante da Pobra de San Xiao, entre Monforte de Lemos e Lugo, xa está en servizo desde abril de 2018.

Entre os principais beneficios deste novo trazado, duns 7 quilómetros de lonxitude, destaca a supresión dos 14 pasos a nivel do anterior traxecto, co consecuente aumento da seguridade ferroviaria, viaria e peonil, así como o incremento da velocidade de paso dos trens ata o 160 km/ h.