Skip to main content
Quiroga

O BNG de Quiroga oponse á creación de proxectos eólicos na Serra do Courel

Por 12 Marzo, 2021Sin comentarios

O BNG de Quiroga levará ao vindeiro pleno unha moción para solicitar á corporación local unha serie de accións co fin de impedir a creación de parques eólicos no municipio.

Din que ademais dos proxectos de Barjas e Prada, que inclúen o concello de Quiroga como zona afectada, “temos constancia doutros tres que tocan de cheo o noso territorio e inclúen a instalación de eólicos, así como zona de acceso común e liñas de evacuación”. Eses proxectos son os de Orballeira, Neboada e Xeada.

Para o grupo municipal nacionalista, estes parques eólicos enmárcanse no “boom eólico” en Galicia “que se está a desenvolver sen unha axeitada planificación e vixilancia públicas, baixo unha arquitectura legal obsoleta e sen garantías para a participación social relegando á cidadanía a meros afectados e privándolles dun papel proactivo fronte á xestión que a Xunta de Galicia e empresas eléctricas están a facer do territorio”.

Por iso, solicitan unha serie de accións por parte da corporación local de Quiroga encamiñadas a rexeitar estes plans eólicos pola súa “grave afectación sobre a veciñanza, a calidade paisaxística e patrimonial” do municipio, parte importante do Xeoparque Montañas do Courel.