Skip to main content
Quiroga

Quiroga inicia as ‘Lembranzas da Feira do Viño’ coa presentación dunha revista

Por 22 Marzo, 2021Sin comentarios

Presentación da revista sobre os 40 anos da feira

Coa presentación da revista ‘Feira do Viño, Quiroga 1980-2020’ abríase este luns o programa ‘Lembranzas da Feira do Viño’, co que se pretende lembrar esta cita tan importante para os quirogueses e que este ano non se pode celebrar nas súas datas habituais, os días 3 e 4 de abril, pola actual situación sanitaria.

Na revista, que se enviará ás casas de todos os veciños de Quiroga, repásanse os 40 anos de historia da feira, que xa tivo que suspender a celebración do pasado ano por mor da pandemia. Para o alcalde, Julio Álvarez, a Feira do Viño “crea historia dentro dos eventos lúdicos e traspasa fronteiras” polo que “non se pode esquecer un evento tan importante a nivel cultural, social e económico para o municipio”.

Na súa intervención, o rexedor referiuse á frase do poeta Uxío Novoneyra, o primeiro pregoeiro da Feira do Viño, quen afirmou que ‘Quiroga é un viño’. A afirmación, dixo Julio Álvarez, é algo que corroboran os datos, xa que “o 50% da produción de uva da Denominación de Orixe Ribeira Sacra é de Quiroga. É dicir, dos 17 concellos que conforman a denominación, Quiroga produce o 50%”.

Coa presentación deste luns daba comeza a celebración da parte “cultural e lúdica” da Feira do Viño, quedando a “parte festiva” para os vindeiros días 24 e 25 de xullo, se as condicións sanitarias o permiten. Se non é posible, dixo o rexedor quirogués, a lembranza desta data importante para o municipio “servirá de ponte para a celebración do vindeiro ano”.

EXPOSICIÓNS E MÚSICA

O programa ‘Lembranzas da Feira do Viño’ contempla numerosos actos. Entre eles, a exposición de ao redor de medio milleiro de botellas de caldos que acudiron ao certame de Quiroga nestas catro décadas, acompañadas ademais dos diferentes carteis anunciadores da feira. Poderanse ver no edificio do auditorio municipal.

A exposición ‘O fin do Camiño’ organizada pola asociación Egeria e patrocinada polo programa ‘O teu Xacobeo’, a andaina Xeoparque Montañas do Courel, a entrega dos premios do concurso de debuxo infantil ‘Feira do Viño’, e diferentes espectáculos musicais completan o programa de actividades en lembranza dunha feira que cada ano se viña convertendo en excelente escaparate da produción vitivinícola da Ribeira Sacra.