Skip to main content
Quiroga

Quiroga repasa os ’40 anos da Feira do Viño’

Por 27 Marzo, 2021Marzo 30th, 2021Sin comentarios

Algúns dos carteis anunciadores da feira

A unha semana da que sería unha nova edición da súa Feira do Viño, se non fose pola actual situación sanitaria, o Concello de Quiroga segue poñendo en marcha novas accións enmarcadas no programa ‘Lembranzas da Feira do Viño’ co que queren manter vivo o espírito deste festexo que, se nada o impide, se celebrará o vindeiro mes de xullo.

Unha das actividades centrais do programa é precisamente a exposición ’40 anos da Feira do Viño de Quiroga’, que se inaugurou este venres. Na mostra pódense ver preto de medio milleiro de botellas dos caldos que acudiron aos pasados certames, así como os distintos carteis anunciadores da feira ao longo das últimas catro décadas.

Segundo explicou o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, esta exposición serve para “coñecer e recoñecer aos colleiteiros e demais persoas que contribuíron a que a Feira do Viño de Quiroga sexa un referente entre os certames vitivinícolas de Galicia, o mellor escaparate de promoción do noso municipio e unha data sinalada na axenda dos quirogueses e visitantes para a xuntanza e a festa con amigos e familiares”.

A exposición está instalada na entrada do Auditorio Municipal quirogúes e poderase visitar ao longo de toda a Semana Santa.

HOMENAXE AOS COLLEITEIROS

Julio Álvarez adiantou que o recinto da exposición acollerá tamén un “emotivo acto co que o Concello de Quiroga quere lembrar aos colleiteiros que xa non están con nós mediante a entrega de agasallos aos seus familiares”. Esta homenaxe farase o venres, 2 de abril, ás 12.30 horas.