Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

O BNG de Outeiro reclama información ao Concello sobre os acordos co Bispado

Por 28 Marzo, 2021Sin comentarios

Hai algo máis dun mes, o alcalde de Outeiro manifestou publicamente que tiña unha comisión para estudar a situacións dos bens públicos que foran rexistrados polo Bispado de Lugo en Outeiro de Rei.

Dado que dende o BNG se descoñecía completamente a existencia de tal comisión e “de que era a primeira vez que oímos falar de tal cousa, procedemos inmediatamente a pedir formalmente e por escrito unha copia dos acordos tomados nesa reunión, así como solicitouse que se incluíra unha representación de todos os grupos políticos do Pleno nesa comisión, solicitude que se materializou formalmente o pasado 2 de marzo”.

“Pasado xa case un mes, aínda non temos ningún tipo de contestación, sendo aínda moito máis grave que non nos entregaran copia das actas desa reunión, pois o alcalde sabe perfectamente que ten obriga de contestar nun prazo de 8 días cando un grupo político presente no Pleno lle solicita calquera tipo de información”, engaden.

“No BNG estamos convencidos de que esta negativa é unha estratexia do alcalde para ocultar os acordos secretos que ten co Bispo de Lugo sobre a compra por parte do Concello da Casa reitoral de Outeiro, pois o alcalde sabe perfectamente que esa casa fora feita pola veciñanza da parroquia e aínda así volveu a comprárllela a Igrexa, provocando dese xeito que o pobo de Outeiro pagase esa casa dúas veces”, continuou Xosé Ferreiro.

“Esta ocultación de información ao BNG representa tamén unha vulneración dos dereitos que nos protexen como representantes da cidadanía de Outeiro e exerceremos as medidas que sexan precisas para conseguir que este atropelo dos dereitos democráticos se corrixa, din.

Ferreiro asegura que “hai que lembrar que este sistema de ocultación por parte do señor Pardo non é novo, pois xa intentou facer o mesmo cando se lle solicitara, por exemplo, os xustificantes das decenas de miles de euros que cobraran en forma de dietas tanto el como o seu tenente de alcalde, obrigándonos naquela ocasión a recorrer á Valedora do Pobo para que se nos entregara esa documentación solicitada”.