Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Outeiro de Rei estrea un programa de actividades de promoción da muller

Por 31 Marzo, 2021Xuño 21st, 2022Sin comentarios

Un ano máis o Concello de Outeiro de Rei organiza unha serie de actividades de promoción da muller que se desenvolverán na súa maior parte en formato on line e que se prolongarán durante todo o ano.

O programa de Actividades de Promoción da Muller 2021 contempla un total de 7 propostas e unha aposta clara polas novas tecnoloxías dado que a maior parte das actividades que se ofertan  desenvolveranse a través de internet ofrecendo contidos que permitirán desenvolver e mellorar habilidades dixitais e navegar con seguridade pola internet amosando como realizar actividades cotiás por medio do uso das novas tecnoloxías.

A partir do martes día 6 de abril, e ata o 20, estará aberto o prazo de inscrición para catro desas actividades. A primeira será unha acción formativa en novas tecnoloxías. Actividade de 18 h de duración na que se ofertan un total de 30 prazas. Traballarase sobre banca electrónica, sinatura electrónica, declaración da renda, comercio electrónico e Ciberseguridade. Terá lugar do 21 de abril ao 20 de maio, os mércores e xoves, de 20.00 a 21.30 horas.

Tamén on line será Habilidades dixitais para a busca de emprego. Curso gratuíto de 20 h de duración, para 30 participantes. Este curso está deseñado para que as persoas interesadas poidan coñecer os recursos dispoñibles na internet que lles axudarán a mellorar as súas posibilidades de inserción laboral a través dunha busca de emprego máis eficaz. Entre os contidos que se verán están Competencias dixitais máis demandadas no mercado; portais e redes para a busca de emprego; Google Suite… Celebrarase do 8 de maio ao 5 de xuño os sábado en horario de mañá.

A segunda parte do curso de foramción en novas tecnoloxías on line será en setembro, concretamente do 30 ao 28 de outubro, tamén mércores e xoves no mesmo horario. Nesta ocasión os contidos centraranse en citas médicas e en organismos oficiais, seguridade en internet e no móvil, aplicacións para móbiles, videochamadas e uso de tablet.

Paralelamente a esta actividade on line, haberá unha actividade física ao aire libre entre o 25 de xuño e o 30 de setembro os martes e xoves de 17.00 a 18.00 horas. Proposta lúdica e de saúde no Campo de Santa Isabel (cando o tempo non acompañe, trasladarase á pista polideportiva do CEIP Laverde Ruíz). Ximnasia de mantemento ou  relaxación son algunhas das opcións que atoparán as participantes nesta actividade.

A programación prevista para 2021 completarase con outras tres actividades. Haberá unha de produtos de limpeza ecolóxicos tamén on line que se desenvolverá do 18 ao 25 de outubro, os luns de 17 a 19.00 horas. Continuarán co terceiro curso de formación en novas tecnoloxías en novembro co mesmo horario e para tratar sobre dixitalización de documentos; retoque de imaxes (fotográficas ou dixitalizadas; apps que fan a vida máis doada (Bizum, Evernote, Google Keep e códigos QR) e ciberseguridade.

O acto final da programación será a celebración do 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero coa charla  Prevención da violencia de xénero e da discriminación contra a muller.

Nos cursos de novas tecnoloxías, as persoas interesadas poderán realizar a totalidade da formación proposta para cada un deles ou seleccionar as actividades que lles interesen.

Coma sempre, as actividades previstas para mulleres nas que non se cubran as prazas ofertadas poderán ser cubertas por homes.

Pódese acadar máis información ou realizar as inscricións  na Casa da Cultura de Outeiro de Rei ou no tfno.: 982 393 408.