Skip to main content
CervoComarca AMARIÑAXA

Cervo sae á rúa en apoio as mulleres gravadas ouriñando na rúa na Maruxaina

Por 5 Abril, 2021Abril 6th, 2021Sin comentarios

A Mariña saiu á rúa este domingo para solidarizarse e ao mesmo tempo reclamar que non se arquive o caso das gravacións realizadas a 87 mulleres que ouriñaban na rúa na Maruxaina de 2019 e que despois apareceron colgadas en páxinas web pornográficas.

Centos de persoas percorreron durante a xornada de onte San Cibrao, desde a Praza dos Campos ata a praia do Torno pasando pola rotonda de acceso á Atalaia. Para deixar claro o motivo desta xuntanza, moitas das asistentes acudieron ataviados coa saia típica da celebración. A concentración estivo encabezada por unha pancarta co lema Xustiza Maruxaina. Eu son unha delas. Somos todas. Ao longo de todo o percorrido os e as manifestantes reclamaron a través dun berro unánime xustiza para estas mulleres e esgrimiron diferentes carteis.

Ao termo da manifestación, convocada por Xustiza Maruxaina, Jasone Lorenzo, en nome da asociación Mujeres en Igualdade de Burela, e Pomba Maseda, portavoz do colectivo organizador, leron senllos manifestos onde se deixou patente que con estos actos de 2019 foron violados os dereitos fundamentais destas mulleres, “degradóusenos como mulleres e comercializouse cos nosos corpos”.

A queixa principal do grupo foi a decisión do xuíz de non apreciar delito neste feito, polo que lle solicitaron que rectifique aínda que aseguraron que esgotarán todas as posibilidades existentes no ordenamento xurídico para seguir pelexando nos tribunais.