Skip to main content
BarreirosComarca AMARIÑAXAFoz

Descontento polo proxecto de estabilización da area en Altar

Por 8 Abril, 2021Abril 9th, 2021Sin comentarios

Diversos colectivos da Mariña e principalmente de Barreiros manifestaron o seu malestar polo proxecto de Estabilización da praia de Altar e do seu estudo de impacto ambiental en Barreiros, que ten previsto realizar o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

O proxecto, cun custo de 3,5 millóns de euros, pretende realizar unha dragaxe na zona interior da ría do Masma e depositar a area na praia de Altar. Para garantir a retención desta area, contémplase a construción dun espigón de 190 m de lonxitude e 7 m de altura de formigón armado cunhas enormes bancadas de granito que unan a praia coa illa que lle dá nome, que foi o que levantou as queixas de veciños e usuarios.

“Este proxecto vai realizar nunha contorna que forma parte dunha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) da Rede Natura 2000 que traerá consecuencias impredecibles nas zonas de alimentación e cría de especies vulnerables. Do mesmo xeito, o espigón afectará á dinámica de correntes que previsiblemente se incrementarán na canle, co perigo que isto supón para a navegación de recreo e posiblemente aumente a entrada de sedimentos no interior da ría, acelerando a súa colmatación”, afirma un grupo de veciños que veñen de abrir una folla de petición de firmas pública para impedir esta construción.

Engade este grupo que “a maiores, a alteración das dinámicas litorais como consecuencia do devandito espigón, podería dar lugar á desaparición da famosa onda de A Canle, na desembocadura da ría do Masma, “catalogada como unha das de mellor calidade de Galicia e que atrae a multitude de surfeiras cada ano. Do mesmo xeito, ponse en perigo a práctica doutras actividades náuticas como kitesurf, windsurf, vela e kaiak”.

Asegura o colectivo que a praia de Altar atópase na actualidade cunha gran cantidade de area, “polo que o proxecto en si carece de sentido e está completamente desactualizado. A contorna é unha paraxe natural espectacular para uso e goce de locais e visitantes os 12 meses do ano”.

O PROXECTO

O proxecto contempla tamén a construción dunha escaleira de 2,10 metros de ancho que dará acceso ao areal desde o paseo marítimo. Apoiarase sobre unha soleira de formigón armado e a caixa escavarase sobre o terreo natural. Os banzos realizaranse in situ en formigón e recubriranse con granito natural.

A area se verterá na praia e perfilarase con maquinaria ata alcanzar o perfil que se prevé no proxecto.

Nos traballos para levar a cabo a dragaxe utilizarase unha draga multipropósito para augas pouco profundas que irá equipada cunha bomba e tubaxe de succión de dragaxe que conducirá directamente a area desde a ría ata a praia.

O prazo de execución dos traballos está fixado é de doce meses e o orzamento ascende a 3.563.752 euros, dos cales 1.484.745 son para o recheo, 900.722 para o espigón e 37.146 para a escaleira. O resto do montante económico destínase a outros conceptos, entre eles a xestión de residuos ou a protección ambiental.

O proxecto poderá consultarse en días próximos no Cenima de Foz e nos concellos de Foz e Barreiros, ademais do servizo provincial de Costas de Lugo.