Skip to main content
O Valadouro

Valadouro ten en exposición pública o Plan contra incendios forestais

Por 6 Abril, 2021Sin comentarios

O Goberno do Valadouro aprobou no último pleno o plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais. De conformidade co disposto no artigo 83, da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas está exposto ao Público polo prazo de vinte días hábiles aos efectos do seu exame e presentación das reclamacións e suxestións que se estimen oportunas.

No caso de non presentarse reclamacións, entenderase elevado a definitivo o acordo de aprobación inicial.

A Lei 3/2007,do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, estrutura o planeamento de defensa do espazo rural fronte aos incendios forestais, en varios niveis: galego, de distrito, municipal e inframunicipal. No seu artigo 7 atribúe a competencia dos concellos de elaborar e aprobar os plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais.

O obxectivo principal do Plan Municipal de Prevención é a definición da rede de faixas secundarias de xestión de biomasa, estratexicamente localizadas, e garantir o control e a eliminación total ou parcial da biomasa forestal, mediante técnicas silvícolas axeitadas, co fin principal de reducir o risco de incendio e protexer a seguranza das persoas.

O documento recolle, por tanto, as accións necesarias para a defensa contra os incendios forestais efectuando unha análise da situación actual, e establece unha zonificación do territorio como marco das directrices de actuación a realizar para acadar os obxectivos propostos.

No documento recóllese tamén a relación de parcelas afectadas. Nese listado pódense consultar as referencias catastrais, a superficie total e a superficie de afección de cada una das parcelas. Estas están agrupadas polo número de plano no que aparecen representadas graficamente. Dita relación poderá verse afectada pola modificación do parcelario ou por correccións ou actualizacións do presente Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais.