Skip to main content
Viveiro

Viveiro destinará 118.000 euros a axudas á hostalaría

Por 10 Abril, 2021Sin comentarios

O Concello de Viveiro informa que a Xunta de Galicia comunicoulle xa o número de establecementos hostaleiros do municipio que realizaron a solicitude de axudas con cargo ao segundo Plan de Rescate da Xunta de Galicia, que ascende a 118.

Polo tanto, o Concello de Viveiro achegará un total de 118.000 euros para a concesión destas axudas ao sector da hostalería, cuxos negocios quedaron afectados polos peches regulados na normativa ditada polas autoridades sanitarias por causa da COVID-19.

“Estamos realizar os trámites necesarios para poder proceder á sinatura deste convenio de colaboración coa Xunta de Galicia coa maior celeridade posible, xa que as axudas locais e autonómicas deben chegar rápido ás pemes e autonómos”, afirma a alcaldesa, María Loureiro.

Hai que lembrar que este martes aprobáronse os orzamentos municipais, cun acordo entre o grupo de goberno e Por Viveiro para o II Plan de Reactivación Económica, dando continuidade ao do pasado ano.

Nestes orzamentos hai unha partida de 200.000 euros, con cargo ao Plan Único da Deputación de Lugo, destinada a subvencións para a axuda a establecementos de hostalería e comercio en xeral.

Unha parte irá destinada soamente a hostalería, que está previsto que se faga a través do citado convenio coa Xunta de Galicia dentro do segundo Plan de Rescate autonómico, no que se incluirá unha partida propia do Concello de Viveiro. O importe das axudas que o Concello de Viveiro concederá a cada hostaleiro ascende a 1.000 euros.

Outra parte irá destinada a aqueles comercios e establecementos que, por diversos motivos, non puideron beneficiarse e acadar as subvencións convocadas por este concello no pasado exercicio, incluídos aqueles que o ano pasado non podían optar a estas axudas e tamén aqueles que, solicitándoas, nese momento non cumprían os requisitos, concedendo un importe de 850 € a cada beneficiario desta liña de axudas.

Neste Plan de Reactivación Económica tamén se entenden incluídas as exencións das ordenanzas referidas; a contía destinada a emerxencia social, que ascende a 45.000 euros e o acordo coa empresa concesionaria do servizo de auga para non cobrar o recibo de auga e lixo para os locais que estiveron pechados forzosamente pola pandemia durante dito período.