Axenda Caducada

Pas Veres presenta o libro Lareira de Soños na Coruña

Por 6 Abril, 2021Abril 8th, 2021Sin comentarios

A autora Pastora Veres presentará este xoves, 8 de abril, o seu libro Lareira de Soños na cidade vella da Coruña, en Portas Ártabras/Asociación dos Museos. No acto intervirá Felipe Senén, historiador e museólogo, presidente da Asociación de amigos dos Museos e a autora do libro, Pastora Veres.

O libro, e o seu correspondente CD co documental, recolle a historia da parroquia natal da autora, Os Vilares, tras seis anos de traballos e máis de cen entrevistas. A presentación terá lugar ás 20.00 horas.

Esta obra foi xestada aló polo ano 2014, cando o Día das Letras Galegas foi para o poeta vilarego Xosé María Díaz Castro. Na primeira Romaría Labrega da Chaira dos Vilares, xurdiu o compromiso de facer esta obra que verá a luz no mes de outubro e que consta de 400 páxinas.

Está publicado por Fervenza, cun prólogo do xornalista con raíces vilaregas Man Castro, e grazas á colaboración da Dirección Xeral de Política Lingüística, da Deputación de Lugo, do Concello de Guitiriz e de Gadis.

As cen conversas que serviron de guía para a realización do libro contarán con documentación gráfica de máis dun cento de fotos e documentos, para crear esta obra que pretende ser un testemuño dos Vilares e que podería quedar depositado  na casa de Díaz Castro, se finalmente se rehabilita, para que quen o desexe poida consultalo.

O libro estreouse xunto ao documental Entrar aos Vilares, dirixido por Cibrán Tenreiro e presentado xa no ano 2017, logo de xurdir como un proxecto complementario ao libro. Non é un resumo deste, nin moito menos, senón que ofrece as impresións que deixa a parroquia dos Vilares en tres rapaces completamente alleos a ela.

Hai datos históricos da parroquia tamén, como non podía ser doutra maneira, pero tamén ten moito peso a visión da propia autora, unha vilarega máis que se suma ás moitas historias narradas polos protagonistas dun libro coral, onde os testemuños recabados teñen aínda máis valor se se ten en conta que se trata de xente maior, algunha dela xa desaparecida.