Skip to main content
Antas de Ulla

A atención temperá da agrupación de Antas percibe 106.637,85 euros

Por 27 Abril, 2021Abril 28th, 2021Sin comentarios

A Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade publicou onte no DOG a concesión de subvencións destinadas a entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá para o ano 2021, cofinanciadas parcialmente polo Fondo Social Europeo, no marco operativo FSE Galicia 2014-2020.

Á Agrupación dos Concellos de Antas de Ulla, Portomarín e Monterroso concédenlle 1.720 horas para cubrir o traballo de cada un dos tres profesionais, sumando un total de 5.160 horas entre os tres: unha logopeda, unha pedagoga e unha psicopedagoga ata o 31 de outubro de 2021. Para o desempeño da actividade  reciben unha subvención de 106.637,85 euros.

O Servizo

O Servizo de Atención Temperá Antas de Ulla, Portomarín e Monterroso ten a súa sede en Antas de Ulla, na Casa da Cultura, e atende de xeito gratuíto aos nenos e nenas residentes nos tres Concellos de entre 0 e 6 anos, ás súas familias e ao seu contorno co obxectivo apoiar o desenvolvemento infantil.

O equipo de atención temperá valora e diagnostica os trastornos do desenvolvemento dos nenos e nenas, proporciona apoio en todas as áreas do desenvolvemento: psicomotor, cognitivo, linguaxe e comunicación, autonomía, socialización e afectividade e ademais ofrece información, apoio e formación ás familias. 

É un servizo que se coordina cos recursos sanitarios, educativos e sociais da contorna do neno e a nena e da súa familia. Para asistir ao centro é necesario solicitar cita previa. O servizo funciona de luns a venres e o horario adáptase ás necesidades das familias.