Skip to main content
Baleira

Os socialistas de Baleira critican a falta de axudas ao tecido económico local fronte á covid

Por 9 Abril, 2021Sin comentarios

A voceira do PSOE en Baleira, Laura Burgué, criticou hoxe que o goberno local, do PP, non teña “impulsado nin aprobado” medidas de apoio ao tecido económico da vila para paliar as consecuencias económicas derivadas da covid. “O Concello non apoiou nin aos autónomos, nin aos empresarios, nin ao pequeno comercio da nosa vila, nesta situación tan excepcional como a que estamos vivindo”, denuncia.

Burgué asegura que o Concello “gastou 32.000 euros nunha liña de axudas da Deputación para os Concellos para loitar contra a covid” pero “nin un só euro” dese investimento foi destinado aos comerciantes nin aos autónomos do municipio.

A voceira socialista lembrou que o seu grupo defendeu nunha sesión plenaria unha moción, que fora aprobada por unanimidade, na que demandaban axudas para o tecido económico de Baleira. Na proposta instaban a eximilos do pago dos recibos dependentes do Concello, como auga, lixo ou IBI. “Pero unha vez máis comprobamos que o PP non ten orzamentado nin un só euro, abandonando e esquecendo aos sectores que máis sofren esta situación como son a hostalaría, o comercio local, os autónomos, así como as familias máis vulnerables de Baleira”, indicou Laura Burgué.

Os socialistas emprazan ao equipo de goberno a “recapacitar” ante a situación excepcional que se está a vivir. “Non podemos esquecernos dos nosos comerciantes, todo estes traballadores tiveron un papel excepcional ao longo desta pandemia coas súas empresas e cos seus negocios abertos, por todo isto entendemos que son necesarias e xustas estas axudas económicas”, insistiu a socialista.