Skip to main content
Navia de Suarna

Entrevista. “A Festa da Troita sempre ateigaba Navia de Suarna de xente”

Por 1 Abril, 2021Abril 3rd, 2021Sin comentarios

Víspera de Venres Santo. Navia de Suarna debería estar nestes momentos envorcada nos preparativos da súa Festa da Troita, pero non é así. Este ano non haberá nin verbena, nin grandes xuntanzas, nin tampouco a tradicional degustación da paella xigante e outros manxares con este peixe do río Navia como protagonista. A situación sanitaria e as restricións establecidas polas autoridades impiden, por segunda vez, a celebración desta cita gastronómica.

A Sociedade de Pesca Río Navia ideou este festexo, que acadaría agora súa décimo quinta edición, como mostra de agradecemento á implicación dos seus socios. Falamos co presidente do colectivo, José García.

Que supón ter que suspender, por segunda vez, a Festa da Troita?

Pois non poder celebrar a festa supón, sobre todo, perder unhas datas nas que nos reunimos todas as familias de Navia, amigos, veciños e turistas xa que, coa disculpa da Festa da Troita, esta semana sempre foi moi concorrida na localidade. Tradicionalmente, o mércores santo organizamos a cea da Sociedade de Pesca e iso dá o pistoletazo de saída a toda a Semana Santa.

José García

Cal é a orixe desta festa?

A festa comezámola a facer fai xa 15 anos como un xeito especial de agradecemento a todos os socios que se volcan connosco nas actividades que facemos ano tras ano. A Sociedade encárgase de todo o que conleva a organización da Festa da Troita: o pechamento da praza, colocación da carpa, mesas, vasos, papelería, adecentamento do recinto, sitio da orquestra para a verbena, preparación da comida… A organización corre a cargo da sociedade, pero a verdade é que contamos coa axuda de todo o pobo.

Sempre se celebrou coincidindo co Venres Santo?

Desde o principio escollemos o Venres Santo para celebrar esta festa porque, por tradición, estas eran aquí as datas das reunións de pescadores de todo o Estado, que enchían o pobo e dábanlle ese tono festivo e de ledicia a toda a zona.

A Festa da Troita é unha cita gastronómica…

Si, facemos unha paella para 400 ou 500 persoas. Logo temos por suposto troitas, que se fríen na praza da festa. Preparamos ao redor de 100 quilos. Tamén hai rosca de Navia, empanadas de troitas, carne e bebida. Os dous primeiros anos fixemos tamén churrasco pero posteriormente cambiámolo pola paella.

A Sociedade de Pesca Río Navia puxo a andar o festexo fai 15 anos, pero cando se crea a sociedade?

A Sociedade de Pesca Río Navia legalízase en maio do ano 1994, sendo entón meu cargo o de vicepresidente. No ano 1997 outórgannos o título de Entidade Colaboradora co Medio Ambiente e é cando paso a ser presidente, e ata hoxe.

Cantos socios son?

Somos 758 socios. Algúns anos a cifra mantense estable, pero normalmente temos sempre subida de socios.

Para asociarse, hai que ser pescador?

Non. De feito, máis da metade dos socios non colleu unha caña na súa vida. Por lei, a sociedade ten que ser aberta a calquera persoa que desexe o seu ingreso.

E hai xente nova, que asegure o futuro da sociedade?

Si. Hai moi boa canteira de xente nova. Sobre todo ao remate do curso escolar é raro non ver rapaces no río por aquí. Ademais, os máis novos sempre contan con nós para aprender de pesca, mediante cursillos teóricos e sobre todo prácticos, que son os que máis desexan.

Como entrou vostede en contacto co mundo da pesca?

Pois supoño que coma todos os nenos. Sendo ribeireño é case una obriga saber pescar. Non me lembro se fixen antes a primeira comuñón ou collín unha caña… Co paso dos anos todo se vai vendo desde outras perspectivas, e agora pódese dar un paseo polas ribeiras dos nosos ríos e non che fai falta levar caña para poder gozar dun bo día.

Que cotos leva a Sociedade de Pesca Río Navia?

Levamos o coto de Navia e o coto de Cervantes, aínda que traballamos en todos os tramos dos ríos. De feito, vimos de rematar de limpar e desbrozar os camiños e sendas do río Rao, que é un afluínte do Navia. Seguiremos co de Mosa despois da Semana Santa.

Como definiría eses cotos en canto ás súas características para a práctica da pesca?

Son dous cotos perfectamente asequibles. O estado dos ríos, así como as súas ribeiras, están perfectas para a práctica da pesca.

Que valoración fai da limpeza e conservación dos ríos?

Coido que sería necesario investir máis neles: nunha depuradora, que leva o proxecto preto de 20 anos nun caixón, nunhas canalizacións novas na vila,… As limpezas de residuos solidos fanse tódolos anos, xa que os cauces en épocas de riadas sempre traen consigo moito lixo. Tamén é certo que está moito máis limpo que fai 30 anos. Daquela os ríos eran os vertedoiros dos pobos, a eles chegaban todo tipo de residuos. Como anécdota, no ano 1998 fixemos unha limpeza exhaustiva do río. Sacamos lavadoras, todo tipo de electrodomésticos e, o mais traballoso, un  coche e unha carroceta. Hoxe en día, a ninguén se lle ocurre tirar nin unha pila dunha radio. Nalgo teriamos que mellorar…

E en canto a capturas?

En canto a capturas pódese decir que non temos queixa, aínda que sempre pode haber anos malos. Non se collen como fai 30 anos pero temos suficiente para poder disfrutar. Ademais sempre está a pesca sen morte, que cada vez ten máis adeptos e que serve perfectamente para poder seguir gozando da pesca. Agora ben, a un neno non lle digas que ten que devolver a troita ao río, que seguro que non volve a pescar, porque é o seu trofeo, polo menos ata que decida a qué tipo de pesca quere adaptarse.

Como están a vivir a pandemia?

Supoño que nas cidades será bastante complicado, pero o certo é que nas zonas rurais temos a sorte de que non se vive dun xeito tan extremo como nas zonas máis poboadas. As restricións afectan tamén loxicamente, pero creo que o levamos doutro xeito.

Notan que aumentou o número de pescadores na zona coa actual situación?

O certo é que  non. De feito, non se puido pescar tanto como outros anos, non tivemos tanta presión pesqueira. Hai que ter en conta que aquí vén pescar xente doutras comunidades, sobre todo de Asturias e de Castela e León, pola súa proximidade, pero cos peches perimetrais e demais só puideron gozar dun mes escaso en toda a tempada e no que vai desta.