Skip to main content

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, abriu en Monforte de Lemos a conferencia ‘Promoción da saúde e proxecto de vida’ no marco do programa Xunt@s que a institución provincial está desenvolvendo nos concellos da provincia dende principios de ano.

Á charla asistiron unhas 70 personas que atenderon aos doutores da Real Academia de Medicina de Galicia José Luis Rodríguez-Villamil, xeriatra, e Rosendo Bugarín, médico de familia e comunitario.

José Tomé salientou o éxito deste programa de actividades gratuítas de lecer e formación que percorrerá ata o mes de xuño 25 concellos lucenses.

“Xa participaron 1.000 veciños e veciñas da provincia, o que nos dá boa mostra de que funciona e de que estamos dando resposta ás necesidades e intereses que ten a nosa poboación”, subliñou.

A iniciativa, explicou, busca favorecer o envellecemento activo, enriquecer a oferta de ocio e cultural dos concellos, e mellorar a calidade de vida e benestar da veciñanza, o que contribúe a fixar poboación.

Desenvolvemento da conferencia

“O programa Xunt@s e o traballo que fai a Real Academia de Medicina de Galicia son un bo exemplo de como cambiou a forma de concibir a atención sanitaria e o propio envellecemento. A saúde non consiste só en tratar as enfermidades, senón en actuar para previlas, en potenciar os hábitos saudables, no exercicio, na boa nutrición ou o lecer activo”, salientou ao inicio da conferencia celebrada no Centro Cívico de Monforte.

O mandatario provincial afondou en que “as mellores condicións de vida fixeron que a esperanza de vida se fose alongando. Vivimos máis tempo, e debemos procurar que sexa tempo con calidade de vida. Con este compromiso traballamos cada día dende o Concello de Monforte, e tamén dende a Deputación de Lugo, para proporcionar servizos públicos de calidade que favorecen o benestar das persoas. Como se adoita dicir: darlle anos á vida e vida aos anos”.

Nas súas palabras fixo unha defensa da sanidade pública, gratuíta, de calidade e universal: “Unha sanidade que chegue por igual a todos e todas os veciños, vivan no urbano ou no rural, porque, se os centros de saúde ou os hospitais non teñen o persoal que necesitan, sofre a saúde das persoas e sofre a saúde do persoal sanitario, obrigado a traballar cun sobresforzo permanente”.

A Deputación destina un total de 91.000 euros ao programa Xunt@s que está organizado da man dos concellos, consiste nunha serie de 125 xornadas temáticas gratuítas, que se celebrarán ata xuño por toda a provincia, e que teñen que ver coa saúde, co deporte ou coas novas tecnoloxías.

Para o resto do mes de abril as sesións previstas por concellos son as seguintes:

  • Burela: 11 de abril ás 17.00 horas. ‘Envellecer de forma activa’ no Salón de conferencias.
  • Lourenzá: 24 de abril ás 18.00 horas ‘Nutrición e hábitos saudables’ no Salón de actos da Casa do Concello.
  • Navia de Suarna: 16 e 23 de abril ás 18.00 horas. ‘Xornadas TIC’ no Salón de plenos da Casa do Concello.
  • Ourol: 19 de abril ás 17.00 horas. ‘Nutrición e hábitos saudables’ no Edificio Multiusos.
  • Pol: 15 de abril ás 18.00 horas. ‘Envellecer de forma activa’ no Centro Sociocultural de Mosteiro.
  • Ribas de Sil: 11 de abril ás 10.30 horas. ‘Xornada TIC’ no Salón de actos da Casa do Concello.
  • Ribeira de Piquín: 25 de abril ás 11.30 horas. Conferencia ‘Ameazas para a saúde no futuro. É bo vacinarse?’ impartida pola Dra. Raquel Barbosa Lorenzo, xefa da Unidade de Medicina Preventiva do Hospital da Costa de Burela.
  • Centro de día municipal Vilalba: 24 de abril ás 18.00 horas. ‘Envellecer de forma activa’ na Casa Escola de Ladra.
  • Xermade: 17 de abril ás 16.00 horas. ‘Nutrición e hábitos saudables’ na Biblioteca de Xermade
  • A Pontenova: 12 de abril ás 10.30 horas. ‘Xornadas TIC’ na Casa da Cultura.