Skip to main content
Quiroga

Homenaxe aos colleiteiros falecidos que deron pulo á Feira do Viño de Quiroga

Por 3 Abril, 2021Sin comentarios

Familiares dos colleiteiros homenaxeados

Quiroga acolleu este venres unha homenaxe aos colleiteiros falecidos que participaron na Feira do Viño da localidade ao longo das súas catro décadas de historia. O acto enmárcase nas actividades programadas polo Concello para lembrar a feira vitícola nas que serían as súas datas habituais de celebración pero que houbo que suspender, por segundo ano consecutivo, por mor da covid. A intención é facer o certame os días 24 e 25 de xullo, se a situación o permite.

Así as cousas, a feira deste ano, dixo o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, “é a feira da lembranza, da sensibilidade, dos viños e dos adegueiros e colleiteiros”. Para favorecer esa lembranza, o auditorio municipal acolle estes días unha exposición das botellas dos caldos que participaron nas edicións pasadas da feira, así como os distintos carteis anunciadores do festexo.  E nese escenario fíxose a homenaxe aos colleiteiros falecidos. “Foron e son eles os que fixeron que a Feira do Viño de Quiroga sexa o evento máis importante da Semana Santa en Galicia, o de máis afluencia e o que máis público concentra”, salientou o rexedor quirogués.

Como mostra de recoñecemento e agradecemento ao traballo e dedicación dos colleiteiros, “os auténticos protagonistas”, o Concello fixo entrega aos seus familiares dun diploma e dunha botella dos viños que presentaron a algunha das edicións da feira, nos casos que aínda se conservaban. Para Julio Álvarez, “estas botellas son historia, historia dunha data importante agora e historia dentro de cen anos, porque nin a Feira do Viño de Quiroga, nin o viño, nin os colleiteiros van morrer”.

MÁIS ACTOS

Os actos de lembranza da Feira do Viño seguen hoxe, sábado 3 de abril, cunha alborada, a partires das 12.30 horas, a cargo do grupo de gaitas O Recanto, e pola tarde actuará nas rúas da localidade a charanga BB+. Mañá domingo, ás 13.00 horas, farase a entrega dos premios do concurso municipal de debuxo infantil dedicado á Feira do Viño e, a continuación, haberá unha actuación da banda de música Val Miñor. A programación rematará ás 18.00 horas co espectáculo de animación de rúa, a cargo de Troula Animación.