Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

O BNG de Outeiro “indignado” co Concello pola devolución dunha subvención

Por 12 Abril, 2021Sin comentarios

Dende o BNG vense de manifestar “a súa indignación” ao ser coñecedores de que o concello de Outeiro tivo que devolver á Xunta máis da metade dunha subvención de 12.000 euros que tiña concedida, dado que o importe do custe do servizo xa fora cuberto coas taxas que lles cobra ás persoas usuarias.

Concretamente, do total dos 12.000 €, o concello xa recibida o Concello como adianto 9.000 €, tendo aínda así que devolver máis de  3.000 deses porque non se podían xustificar os gastos, pois loxicamente a Xunta non pode subvencionar o custe dun servizo, unha vez que este está cuberto coas aportacións en forma de taxas das persoas usuarias. En total, o que tivo de devolver e o que deixou de percibir suman 6.660 euros.

“A cuestión é moi clara, o alcalde multiplicou as taxas que cobra a este servizo, preferindo que o pagase a xente de Outeiro antes que gastar os cartos da subvención que lle daba a Xunta a tal efecto. Simplemente, non o podemos entender…”, continuou o concelleiro do BNG.

Afán de recadación en tempos de pandemia

Esta subida desmesurada das taxas do servizo de conciliación familiar vén encadrada nunha suba xeneralizada dos impostos e taxas municipais no concello de Outeiro de Rei.

Hai que lembrar que só no último ano o concello de Outeiro subiu un 20% a taxa da auga, un 40% a do lixo, recalificou cun auténtico catastrazo todas as parcelas que están nos núcleos rurais (pola que vai recadar máis de 500.000€) e creou unha taxa de retirada de árbores cando caen ás pistas municipais.

Todo isto débese a xestión económica que está a seguir o alcalde, que fai que o concello se estea quedando sen liquidez e que non dea pagado as facturas, tendo algunha retrasadas máis dun ano debido a este motivo.

Dobre financiación dos servizos

Visto o que aconteceu con esta subvención, dende o BNG levarase a cabo un traballo de investigación para comprobar que isto mesmo non ocorre noutros casos, como por exemplo na construción dalgunhas liñas de saneamento, pos as poucas que fai, o concello cóbralles aos usuarios 1.000 € por vivenda e ao mesmo tempo utiliza subvencións da Deputación, a cal non comproba se esas obras xa foron financiadas previamente pola veciñanza.

“O balance de contas destas obras vai merecedor de ser estudado, pois os poucos saneamentos que fixo no rural foron en barrios onde as obras eran relativamente sinxelas de levar a cabo e onde previamente garante que vai recadar unha certa cantidade da veciñanza, solicitando as subvencións a continuación. Cremos que a cidadanía ten dereito a saber cal é a aportación que fai o concello a estas obras, se é que fai algunha, ou se saca incluso beneficio, como intentou no servizo de conciliación.”, rematou Xosé Ferreiro.