Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Deputación reclama á Xunta a financiación das súas residencias

Por 26 Maio, 2021Sin comentarios

A Deputación de Lugo reclámalle á Xunta de Galicia que asuma as competencias ás que está obrigada por Lei e que “lle pague o que lle debe aos veciños e veciñas da provincia” en materia de residencias. Este é o contido do acordo que sacou adiante no Pleno ordinario deste martes o Goberno provincial, que aprobou abrir un proceso de negociación coa Xunta de Galicia para que asuma tanto a financiación dos Centros de Atención a Maiores da institución, como a súa inclusión na rede pública de residencias autonómicas. A proposta recolle tamén reclamar ó Goberno galego que modifique o seu modelo macro residencial para fortalecer e consolidar unha rede galega de residencias públicas de pequeno tamaño que garanta a permanencia dos maiores no seu entorno, mellorando a atención e xerando emprego de calidade que contribúa a fixar poboación no rural.

Pola súa banda, o PP negouse, unha vez máis, a que a  Xunta asuma a súa obriga legal, recollida tanto no Estatuto de Autonomía como na Lei de Servizos Sociais, de contribuír ao financiamento dos servizos de atención ás persoas maiores na provincia.

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, recalcou que, por Lei, a Xunta debe “contribuír a esa gran labor da que estamos moi orgullos na Deputación” porque ata agora “non aportou nada, nin para a construción, nin para o financiamento dos centros de atención a maiores provinciais”. “Tratar de xustificar que a Xunta colabora coas libranzas vinculadas é, ou non ter nin idea, ou ser hipócrita, porque estas son un dereito dos usuarios e usuarias, que a Xunta lles ten que dar porque non ten prazas públicas de residencia suficientes”.

Neste sentido, Pablo Rivera subliñou que, segundo cifras oficiais do Imserso, Galicia está á cola das comunidades autónomas de toda España en prazas públicas en residencias, con tan só o 41%, mentres que a media estatal é do 62%, e que existe un déficit de 14.902 prazas residenciais en Galicia para acadar a razón de 5 por cada 100 persoas maiores de 65 anos, segundo un informe da Asociación Estatal de Directivos e Xerentes dos Servizos Sociais.

O Deputado de Promoción Económica e Social asegurou que a pandemia puxo de manifesto o fracaso deste modelo privatizador da Xunta, admitido polo propio Goberno galego ao anunciar a súa intención de deseñar un novo modelo de residencias.

Pablo Rivera argumentou que a Deputación de Lugo dedica 30 millóns de euros –aproximadamente un 33% do seu orzamento- a políticas sociais, mentres a Xunta só destina a este fin un 8% do seu orzamento global. “Levamos anos suplindo a inacción da Xunta de Galicia e facendo un esforzo para achegar servizos sociais públicos universais e de calidade á veciñanza, sobre todo no rural”, explicou o Deputado.

Así mesmo, Rivera Capón lembrou que, como xa fixo o Presidente da Deputación, José Tomé Roca, en diversas ocasións, unha delas no seo do Parlamento de Galicia, a Deputación ofrece á Xunta o seu modelo de residencias: público, de proximidade, con centros de pequeno tamaño, con entre 25 e 40 prazas de media, con case un coidador por persoa e que crea emprego sostible e fixa poboación no rural. “Somos un bo espello no que mirarse”, asegurou Rivera Capón.

Pacto e Fondo de Cooperación Local

No Pleno, o PSdeG sacou adiante co apoio do BNG e os votos en contra do PP, unha moción para que a Xunta respecte o Pacto Local, así como todos os acordos firmados coa Fegamp e as entidades locais, e que elabore unha Lei autonómica de participación das entidades locais nos ingresos das comunidades autónomas e que, mentres non aproba esta norma, incremente a contía do Fondo de Cooperación Local, que non subiu dende que goberna Alberto Núñez Feijóo.

Así mesmo, en base a esta moción, a Deputación esixirá que suprima o actual sistema de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva que favorece ós concellos da cor política afín ó Goberno da Xunta e que adopte un sistema de reparto de fondos con criterios obxectivos de poboación, dispersión ou extensión dos concellos, semellantes ós do Plan Único a Deputación de Lugo.

O Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias, denunciou que as políticas desenvoltas polo PP dende a súa chegada ao goberno da Xunta “tense caracterizado polo desprezo das administracións locais” e que nestes anos “vén incumprindo dun xeito sistemático os acordos incluídos no Pacto Local, desatendendo as peticións da Fegamp, ignorando as necesidades das facendas locais, e sobrecargando aos concellos con servizos públicos que son competencia da Xunta”.

Arias denunciou ademais que a Xunta de Galicia reduciu neste 2021 un 6,4% as transferencias directas aos concellos, ademais de “rexerse por criterios discrecionais, sen transparencia ou planificación; só polo criterio de amiguismo político”. Neste sentido, o Deputado puxo o exemplo das axudas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para infraestruturas e melloras en concellos de menos de 20.000 habitantes, que se adxudican polo orde de presentación das solicitudes no rexistro electrónico. Un criterio que segundo apuntou Arias, “roza a ilegalidade”. “Como é posible que unha convocatoria se abra ás 00.00h e que aos poucos minutos xa se acaben os fondos. Como é posible que, se non se coñecen antes os requisitos da orde de axudas, se poidan elaborar e presentar proxectos en cuestión de minutos? Esta é a democracia do PP”, asegurou.

AUTOVÍAS

O BNG logrou o acordo da corporación provincial para rexeitar a  imposición de peaxes nas autovías estatais, recollida entre as medidas que o goberno central trasladou á Comisión Europea para liberar fondos para o Estado español e que o Partido Popular puxo xa sobre a mesa no 2018.

O voceiro provincial expresou a “rotunda oposición” do BNG ás peaxes directas, que “prexudican as clases populares, as persoas traballadoras”. “É un despropósito co que pretenden que só poidan usar as vías de alta capacidade os que teñen máis recursos. Os servizos hai que pagalos con impostos, niso estamos dacordo, pero os impostos que son xustos son os que se pagan en relación ao que gaña cada un”, argumentou Efrén Castro.

O deputado nacionalista, que afeou a diferenza de criterio que socialistas e populares manteñen nas diferentes institucións, tamén abondou no impacto da medida sobre a “Galiza e especialmente sobre a provincia de Lugo, vertebrada por vías estatais e sen transporte público alternativo pola falta de servizos ferroviarios que respondan ás necesidades de desprazamento da veciñanza”

Tras o debate da moción, PSdG e  PPdG votaron a favor da iniciativa promovida polos nacionalistas que propón trasladar ao goberno do Estado e ao Ministerio de Transportes a oposición rotunda da Deputación de Lugo á imposición e peaxes

O BNG fixo valer así no Pleno provincial o posicionamento contra as peaxes que ven mantendo no Parlamento de Galiza e no Congreso dos Deputados, e que trasladará tamén aos concellos.

INTERNET PARA O RURAL

O BNG tamén reclamou á Xunta de Galiza un plan de dixitalización da Galiza rural que garanta unha cobertura de TDT, de conexión móbil e de conexión a internet con banda ancha que permita a particulares e empresas desenvolver a súa actividade.

A moción, que saiu adiante cos votos do PSdG, insta ao goberno de Feijóo a destinar parte dos fondos europeos  a dar este pulo a dixitalización no rural e a negociar co goberno do Estado  para que no segundo piar da nova PAC 2023-2027 se recoñeza un oco orzamentario par dotar á Galiza rural do acceso á internet en igualdade de condicións que en entornos urbanos.

A este respecto,  Efrén Castro lembrou que “se a situación é mala en toda Galiza, onde máis zonas de sombra e sen cobertura temos é na provincia de Lugo”.  O voceiro nacionalista tamén sinalou a discriminación do rural no que ten que ver cos prezos dos servizos, debido a posición de monopolio de Movistar.