Skip to main content
Foz

Os socialistas piden executar a terceira fase de beirarrúas na travesía de Vilamor, en Cangas de Foz

Por 5 Maio, 2021Sin comentarios

A Secretaria Provincial do PSdeG e Deputada Autonómica, Patricia Otero, avanzou que o Grupo Parlamentario Socialista defenderá mañá xoves, día 6, unha iniciativa para demandar ao Goberno de Feijoo, “licitar e executar na maior brevidade a construción da terceira fase de beirarrúas na travesía de Vilamor, en Cangas de Foz, na estrada LU-162 de Ferreira a Cangas”.

Otero intervirá, na Comisión 2ª do Parlamento Autonómico a partir das 10:30 horas, para lembrar que este vial é un dos máis importantes do concello de Foz, “e ademais de servir como principal vía de comunicación das parroquias de Cordido e Cangas coa capital municipal, tamén é a vía máis directa de unión de Alfoz e O Valadouro con Burela e coa Mariña Occidental. Polo tanto, esta estrada soporta un elevado tráfico de vehículos, o que constitúe un perigo para os veciños e veciñas que viven na travesía de Cangas, no barrio de Vilamor”.

A voceira de Infraestruturas sinala ademais que “unha parte desta travesía conta con beirarrúas, que se fixeron en dúas fases distintas, a última no ano 2015, pero a actuación non se completou, polo que as vivendas máis próximas a Ferreira do Valadouro teñen un risco engadido e os peóns non se poden desprazar coa debida seguridade”. Así mesmo advirte que “o estado de conservación destas beirarrúas non é o máis axeitado, atopándose lousas  levantadas, o que implica riscos de tropezóns e caídas, como xa ten acontecido nalgunha ocasión”. 

Ademais este vial conta con outro problema de seguridade, “xa que a rede pluvial existente na estrada, conta con pozos de grandes dimensións abertos, sen ningún tipo de protección, o que constitúe un gran risco de caída para a veciñanza  que vive nesta travesía”, denuncia Otero.

Pouca implicación da Xunta en Foz

Pola súa banda o alcalde de Foz, Francisco Cajoto criticou a pouca implicación da Xunta nos proxectos da vila. “Mentres dende o Concello de Foz estamos continuamente mellorando as nosas infraestruturas viarias, dentro da nosa capacidade orzamentaria, o Goberno de Feijóo mira cara outro lado cada vez que ten executar unha obra da súa competencia na nosa vila. Solo pedimos que arranxen unha estrada de titularidade autonómica, é dicir propiedade da Xunta como neste caso, nin máis nin menos”, dixo.