Skip to main content
Viveiro

Viveiro colabora para combatir a covid-19 en Guinea-Bissau

Por 2 Maio, 2021Sin comentarios

O Concello de Viveiro anuncia que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que o municipio forma parte, acaba de pechar en Guinea-Bissau un proxecto que permitiu reforzar a capacidade de resposta do Goberno Rexional de Cacheu fronte a COVID-19. A intervención centrouse no reparto de material, na prevención e na seguridade alimentaria, beneficiando a 40.000 familias. 

O Concello de Viveiro, xunto co resto de municipios da asociación, destinaron 10.000 euros a esta iniciativa, orzamentada nun total de 12.308 euros, que durante os seus seis meses de vixencia permitiu reducir levemente a incidencia do coronavirus na zona, en boa medida grazas ao compromiso de máis de 70 persoas voluntarias.

Viveiro integra, xunto a outros concellos e entidades, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, unha asociación sen ánimo de lucro, centrada na cooperación co desenvolvemento en países empobrecidos e na sensibilización social en Galicia. 

A intervención en Guinea-Bissau coordinouse desde o Centro Operativo de Emerxencia en Saúde, que distribuíu os materiais de hixiene e protección á poboación desfavorecida. Deste xeito, proporcionáronse 2.500 máscaras, 630 barras de xabón, 612 bidóns de lexía, 72 baldes con billa e 80 botellas de xel hidroalcólico.

A seguridade alimentaria era outra das principais preocupacións, dada a situación de crise e vulnerabilidade xerada pola pandemia, polo que se adquiriron 12.000 quilos de arroz para garantir o sustento de 1.240 familias. 

Tras recibir a necesaria formación previa, as voluntarias e voluntarios resultaron fundamentais para concienciar sobre as medidas de prevención fronte ao SARS‑CoV‑2, de xeito que impartiron sesións de sensibilización en 154 comunidades. 

Tratábase do primeiro proxecto de cooperación directa impulsado polo Fondo Galego en Guinea-Bissau, na segunda rexión máis afectada pola COVID-19. Os elevados índices de analfabetismo e pobreza multiplican as probabilidades de propagación do virus en lugares como Cacheu, onde ademais as restricións decretadas para contelo dificultan a subsistencia dunha poboación xa carente de recursos. 

Estímase que máis de 40.000 persoas resultaron finalmente beneficiadas polas diferentes actividades desta intervención, que conta co apoio do Concello de Viveiro.