Skip to main content
Viveiro

Completan o parque móbil de Viveiro cun tractor e un desbrozador

Por 27 Abril, 2024Sin comentarios

A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo achegará 140.000 euros para a adquisición dun tractor e un brazo desbrozador para o Concello de Viveiro.  A Xunta de Goberno da institución provincial aprobou o convenio para canalizar o investimento.

A maquinaria ampliará o parque móbil municipal, que conta agora cun único tractor de máis de vinte anos de antigüidade, que acumula avarías e que resulta insuficiente para o desbroce das máis de 1.400 vías de titularidade municipal que atende a área de Medio Rural do Concello de Viveiro.

O concelleiro de Medio Rural Ramón Martínez subliñou a importancia deste convenio de colaboración “que nos permitirá axilizar os traballos de mantemento nas vías municipais, especialmente nas zonas rurais, onde a limpeza é fundamental para facilitar o tránsito dos vehículos e realizar tarefas de prevención de incendios” e destacou “a aposta polas parroquias rurais do goberno municipal, avanzando na xestión e na execución dos investimentos necesarios para que a veciñanza poida desenvolver a súa vida e o seu traballo nas mellores condicións.

O deputado de Rural, Mar e Mocidade Daniel García explicou que “somos conscientes do esforzo que supón para os concellos o mantemento destas zonas e en xeral das infraestruturas municipais, tanto en persoal como en medios, e tratamos de facilitalo con colaboracións coma esta”. O investimento súmase a outras actuacións desenvolvidas no rural de Viveiro coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación, como a ampliación da rede de saneamento en Vieiro ou o acondicionamento da pista de Fontecova en Viveiro.