Skip to main content
Antas de Ulla

330.000 euros de orzamento para as obras no Parque Central de Galicia

Por 22 Maio, 2021Maio 23rd, 2021Sin comentarios

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou que a Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou sacar a contratación o proxecto para acometer as obras de mellora da seguridade viaria e a creación da zona de estacionamento do Parque Central de Galicia, en Antas de Ulla, cun orzamento de 326.752€. 

Con este proxecto, que se acometerá entre os punto quilométricos 3,490 ao 3,700 da LU-P-0301, de Antas a Rodeiro, a institución provincial adecuará o acceso e o entorno para o tráfico rodado a través de dúas actuacións. Por unha banda, ampliarase a calzada ata os 6 metros co fin de dotala de dous carrís de circulación separados e facilitar o acceso, e posteriormente procederase a botar aglomerado. Así mesmo, realizaranse itinerarios independentes do tráfico rodado cunha barreira de separación de árbores e instalarase sinalización horizontal e vertical e iluminación, que mellorará a seguridade viaria. Por outra banda, a Deputación acondicionará un estacionamento habilitando prazas con capacidade para que aparquen coches, autobuses, motos e bicicletas, incluíndo prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida.  

Estas melloras súmanse aos traballos que xa se están realizando na zona na que se situará o futuro parque infantil e na plantación de especies autóctonas, como carballos e castaños. Tamén se inclúen as tarefas de silvicultura, que consisten na entresaca de árbores débiles e da poda das árbores que van permanecer, co obxectivo de que se conformen as copas e permitan a entrada de luz e un mellor desenvolvemento da vida natural das especies.

Máis de 45.000 m2 de extensión

A Deputación de Lugo adquiriu un conxunto de parcelas na contorna na que se sitúa o centro xeográfico da comunidade galega, en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, para crear o Parque Central de Galicia, que contará con máis de 45.000 m2 de extensión.  

O proceso de compra das fincas a diferentes veciños e veciñas da comarca comezou coa localización dos propietarios para seguidamente formalizar as adquisicións ante notario. Uns pasos dos que a institución informou de maneira directa tanto ao Concello de Antas de Ulla coma ao Instituto de Estudos Ulloáns.

A zona de acceso ao Parque Central contará cun pórtico de entrada visible dende a estrada provincial LU-P-0301, en Nugallás. No lugar no que se sitúa o centro xeográfico construirase unha praza na se levantará un monólito colocado xusto nas coordenadas 7º 54’ 38,99” W 42º 45’ 25,15 N, que indican a posición exacta do punto medio da superficie da comunidade autónoma galega. Ao seu lado dereito, construirase un templete, unha estrutura aberta polos laterais que servirá para resgardarse e para acoller actividades ao aire libre. Ao lado esquerdo do monólito, está prevista a construción dun edificio multiusos con varias dependencias que se poderán utilizar para o desenvolvemento de accións formativas, actividades culturais ou medioambientais, e reunións, entre outras. 

O Parque Central de Galicia incluirá numerosos sendeiros para goce dos visitantes e persoas que se acheguen ata alí. Paseos por unha carballeira que Tomé Roca cualificou como “espectacular”, e que se atopa na superficie adquirida pola institución provincial. Nos terreos vaise traballar para rozar toda a maleza existente, cortar os eucaliptos e realizar entresacas e podas de ramas baixas. Ademais, tamén se efectuarán os labores precisos para que se poida sementar herba e manter nunhas condicións idóneas o conxunto da extensión da finca. 

Pensando en crear un espazo de ocio para as familias, escolares e a organización de actividades, construirase un parque infantil que incluirá diferentes zonas de xogo adaptadas a todas as idades. 

O Presidente da Deputación destacou que este “é un proxecto de provincia”, asegurando que vai supoñer un antes e un despois para o Concello de Antas de Ulla, “porque imos poñer en valor un recurso natural moi importante coma este, que vai ser un revulsivo para economía de Antas e de toda a comarca da Ulloa pola súa capacidade de atracción turística, o que supón tamén unha aposta clara polo reequilibrio territorial, que vai ser útil para fixar poboación no rural, creando actividade económica e creando emprego”.