Skip to main content
Lugo

Diminución da velocidade en vías dun único carril en Lugo

Por 11 Maio, 2021Maio 13th, 2021Sin comentarios

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, lembrou esta mañá que a cidade xa foi pioneira na aplicación dalgunhas das medidas que inclúe o novo Regulamento Xeral de Circulación. 

A rexedora realizaba estas declaracións ao inicio do encontro que mantivo coa Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, para abordar o cambio da normativa que hoxe entra en vigor e que obriga á diminución da velocidade en todas as vías dun único carril por sentido de circulación.  

Así, Lara Méndez referiu que enclaves tan emblemáticos da capital como pode ser a Rolda da Muralla ou as avenidas Ramón Ferreiro e Rodríguez Mourelo incorporaron a limitación a 30 km/h no ano 2017.  

“Xa foi durante o anterior mandato cando vimos a necesidade de priorizar o calmado do tráfico para dar un salto adiante na convivencia pero tamén na loita contra o cambio climático porque entendiamos que este paso supoñía grandes beneficios para o concello sostible polo que apostamos, entre eles o aumento da seguridade, coa conseguinte prevención de accidentes e atropelos, a mellora da calidade ambiental – grazas á redución de emisións de C02 – ou a consecución dun tráfico rodado máis pacífico e no que as e os peóns van gañando protagonismo”, indicou Méndez. 

A rexedora amosou a “total concordancia coa decisión adoptada pola Dirección Xeral de Tráfico, en tanto estamos seguros de que a medida servirá para acadar unha mobilidade urbana máis sustentable e máis amable na que terá prioridade a protección dos usuarios e usuarias máis vulnerables como ciclistas, motoristas e condutores de patinetes, que son, cada vez, máis numerosos”, sinalou.  

A alcaldesa explicou igualmente que a redución de velocidade será de aplicación naquelas rúas por onde transcorre a senda verde ciclista de 14 quilómetros. 

“Un proxecto que se atopa en fase de execución dende o mes de xaneiro e co que pretendemos unir oito grandes barrios coa contorna fluvial, dentro da estratexia Muramiñae (cofinanciada ao 80% con fondos FEDER) co obxectivo de mellorar a accesibilidade da trama urbana co río. Esta senda combinará carrís segregados de tráfico nas rúas con maior anchura, onde a velocidade será, efectivamente, a 30 km/ hora, con outros viarios de coexistencia, nos que, nestes casos, os vehículos só poderán circular a 20 hm/hora”, abondou Lara Méndez. 

A rexedora avanzou, asemade, que as previsións que contempla esta iniciativa Dusi indican que esta convivencia do tráfico rodado – nas que terá prioridade o tránsito de bicicletas e, polo tanto, a velocidade máxima permitida será de 20 km/hora – terá lugar nas rúas Camiño Real, Xulia Minguillón, Río Ser, Lamas de Prado, Río Navia (desde Río Ser ata Lamas de Prado), Mondoñedo, Portugal, Orquídea (desde o antigo centro comercial da Abella ata Oliveira), Oliveira (desde Orquídea ata Lamas de Prado), Acceso ao Complexo Deportivo Palomar (desde o enlace coa N-VI e o Pazo de Feiras e Con gresos), Frei Plácido Rei Lemos e Avda. Doutor García Portela.