Skip to main content
Monforte

O PP de Monforte traslada o seu apoio aos mestres do conservatorio

Por 6 Maio, 2021Sin comentarios

O PP de Monforte de Lemos, que lidera Katy Varela, traslada o seu apoio aos mestres do conservatorio de música Mestre Ibáñez e censura “o comportamento ditatorial de Tomé”. 

O enfrontamento entre os profesionais e o socialista saíu á luz pública en días pasados e en vez de ir a mellor, tal e como expón o sindicato Comisións Obreiras, aínda se enquista máis. Por este motivo, Varela pide ao rexedor “que se sente con eles e, sobre todo, que abandone as ameazas e os termos autoritarios” relatados por este esta formación.

“Chegar a dicirlles que é capaz de disolver o conservatorio é unha auténtica barbaridade, impropia de calquera alcalde do que depende un servizo tan importante coma este”. A este respecto, Varela pídelle “máis responsabilidade” ao rexedor, xa que “a alguén que sempre presumiu do seu pasado sindicalista, non se lle pode permitir estas faltas de respecto, chegando ata o punto de ameazar con despedilos, iniciando incluso un expediente por incumprimento laboral, redución de haberes e absentismo”. 

Feitos “graves e preocupantes”

Ao abeiro dos feitos, que a popular cualifica de “graves e preocupantes”, Varela insta insta ao socialista “a deixar a confrontación e a apostar polo diálogo para chegar a un acordo que beneficie a todos e resolva as feridas abertas”. Refírese así Varela “ás cuestións salariais, aos días festivos e que os mestres consideran non lectivos, xa que se acollen ao convenio escolar e ao acordo pactado no seu momento polo equipo de goberno existente, e incluso aos expedientes abertos polo Concello”.