Skip to main content
Quiroga

O proxecto de Hidrofertilización en Viñedo colle impulso

Por 3 Maio, 2021Sin comentarios

Un proxecto pioneiro está a estudar o beneficio do cascallo de lousa no pé das cepas para controlar a vexetación e para reducir a cantidade de auga que precisan. Aforro de man de obra en rozas, na aplicación de herbicidas ou emprego de produtos menos agresivos; así como cepas máis nutridas e resistentes ás enfermidades relacionadas coa humidade ambiental – como o mildiu ou o oidio – son os obxectivos que se perseguen con este proxecto de Hidrofertilización en Viñedo do departamento de Enxeñería Agroforestal da Universidade Politécnica de Lugo.

O proxecto de tres anos de duración, segundo o seu responsable, Javier Cancela, está na fase de coller impulso, posto que forma parte dun plan conxunto que están levando equipos de investigación das universidades de Badajoz, Albacete e Valladolid. Contan ademais co Instituto de Ciencias do Viño de Logroño, dependente do CSIC, que se encarga da determinación aromática de todas as uvas incluídas no proxecto conxunto.

A colocación de cascallo de lousa nunha viña de José García Mondelo, na zona da Carballeira, en xullo do ano 2019, foi o inicio do proxecto. A partir de iso xa sería o campus de Lugo o que se encargaría de colocar ondas para poder medir a humidade do terreo cada dez días e estudar como medra a vexetación e como saen as uvas dos acios. O seguinte paso foi instalar unha estación meteorolóxica na viña, que ademais de medir parámetros meteorolóxicos, presta atención á humidade do solo ou, incluso, á das follas das cepas para lograr información máis adecuada de cara ás doses de rega.

Na xornada do pasado mércores traballouse nunha nova instalación dos tratamentos de rega que permita diferenciar as plantas de cada dosificación, posto que hai zonas que se regan todos os días, outras dúas veces á semana, outras unha vez á semana e outra que non se rega. Esta última é o denominado tratamento control, posto que permite comparar a evolución das vides regadas coa que non recibe ningún tipo de tratamento.

En vindeiros días reforzarase a capa de cascallo de lousa que nun primeiro momento se colocou cun grosor duns dez cm. Calcúlase que co novo reforzo a capa estará entre os quince e os vinte centímetros. O Campus lucense, dependente da Universidade de Santiago de Compostela, está estudando tamén co Clúster da Pizarra posto que non hai ningún outro estudo feito ata o de agora polo que se trata dun proxecto futuro.
Esta análise da influencia da lousa no pe das cepas para o control das herbas e para reducir a cantidade de auga da terra que se evapora directamente á atmosfera poderá ter os seus primeiros resultados a finais desta colleita.