Skip to main content
Quiroga

Quiroga busca embelecer a vila e loitar contra o feísmo

Por 28 Maio, 2021Sin comentarios

Un novo mural comezou a pintarse esta semana en Quiroga contribuíndo a embelecer aquelas fachadas máis deslucidas da vila. Primeiro o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e despois o Concello de Quiroga e a asociación Quiroga en Marcha, están a contribuír a facer de Quiroga unha vila que loita contra o feísmo.

Este novo mural, realizado polo artista catalán Iván Floro, que conta coa axuda da súa irmá Alejandra, representa unha moza ás beiras da auga. Con esta obra, o artista (autor da portada do último disco de C. Tangana) busca “un retrato psicolóxico, que a quen o vexa lle recorde a unha persoa coñecida. Busca unha conexión entre o que ve e o propio retrato”.

Para a súa elaboración a asociación Quiroga en Marcha fixo un chamamento á veciñanza para contribuír á súa financiación. A resposta foi case inmediata e en menos dunha semana conseguiron os preto de mil euros que lles faltaban no seu presuposto.

Pero aínda non rematan aquí os proxectos relativos á decoración de laterais dos edificios. O Concello de Quiroga contará a partir desta fin de semana cun grafitti realizado por Pablo López Sanjurjo. O espazo onde se realizará a obra será a Praza de España e o motivo do mural remitirá á figura de Rosalía de Castro por estar esta actividade enmarcada no programa de actos para homenaxear á ilustre poeta galega, no Día de Rosalía, que a Deputación de Lugo está a desenvolver en colaboración con distintos concellos da provincia. Ademais, o Centro de Información á Muller ten organizada a elaboración doutra obra de Abi Castillo na fachada do Pavillón Municipal, cunha temática semellante ao xa existente.

Do proxecto Museo de arte urbana ao aire libre promovido por esta asociación local, forma parte tamén o mural do artista coruñés Joseba Muruzábal, que pintou unha veciña da Praza Maior na vendima na rúa San Martiño de Abaixo; o do vigués Germán González, que escolleu unha alvariza na que non falta un oso roldando para buscar mel, na zona da praza Maior; e o do quirogués José Luís Lemos que acondicionou unha esquina onde unhas flores enmarcan o título de Bésame en esta esquina.

O primeiro mural de Quiroga a cargo do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, realizouse na fachada lateral do Albergue Municipal e representa a imaxe da mitolóxica Lavandeira do Sil, obra do artista Miguel Peralta. Seguiulle outro na fachada principal do Pavillón Municipal da artista viguesa Abi Castillo, que representa a dúas mulleres.

Tamén os traballadores do Obradoiro de Emprego SilLor VI pintaron o muro da praza do Albergue Municipal na parte que da ao Colexio de Educación Infantil e Primaria. Aínda que non é un debuxo artístico, a súa composición xeométrica de vistosas cores fai que o seu impacto visual non deixe a ninguén indiferente.

Serán nove puntos da vila quiroguesa que, de ser os menos bonitos da vila, pasarán agora a agradar a vista dos transeúntes e que ben merecen dar un paseo para velos.