Skip to main content
Samos

Finalizada a restauración da igrexa de San Martiño de Lousada

Por 2 Maio, 2021Maio 3rd, 2021Sin comentarios

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade finalizou as obras de restauración da igrexa de San Martiño de Lousada, en Samos, tras investir preto de 200.000 euros nos traballos, executados durante os últimos seis meses.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou no transcurso dunha visita que con esta actuación valorízase o inmoble e o seu entorno e recupérase o uso do templo para o culto. 

O proxecto técnico contemplou a mellora da accesibilidade nos espazos exteriores do adro;  a renovación da cuberta, conservando a tipoloxía e o material -madeira de castiñeiro e lousa-; así como a restauración do campanario e os sinos.

Tamén se procedeu á consolidación das fábricas, tanto de muros como de arcos, para devolver a correcta funcionalidade estrutural ao inmoble; cambiáronse as instalacións eléctrica e de iluminación e acometéronse as actuacións precisas para mellorar o illamento.

Arias destacou que a actuación serviu para corrixir deficiencias e evitar o deterioro do templo. Executouse a través dun convenio de colaboración coa Diocese de Lugo, que inclúe a restauración de diferentes inmobles eclesiásticos da provincia. 

A igrexa de San Martiño de Lousada é un ben catalogado protexido polo seu valor cultural ao estar incluído no Inventario das Normas Subsidiarias Provinciais de 1991. É un edificio de orixe románica, de volume sinxelo e pouca ornamentación. No interior consérvase unha pía bautismal de granito, con conca e pilastra, así como restos de pinturas murais de carácter popular nos arcos.