Skip to main content
Uncategorized @gl

Xove, Vilalba e Monforte entran en alerta media e Viveiro sobe a alta

Por 26 Maio, 2021Maio 27th, 2021Sin comentarios

O Comité Clínico que asesora á Xunta de Galicia decidiu elevar o nivel de restricións de Viveiro ao nivel alto debido ao gromo detectado que fixo aumentar de forma brusca o número de contaxios.

Do mesmo xeito, continuará en alerta media Cervo e súmase tamén Xove, ambos os dous vinculados ao gromo de Viveiro.

Ademais tamén incorpóranse ao estado de alerta media os concellos de Vilalba e Monforte, ambos os dous debido ao aumento súbito de casos.

Chantada, que estaba en alerta media, recupera o rango do resto de concellos fóra de restricións.

As novas restricións entran en vigor na medianoite do sábado.

Deste modo, o sistema de alertas, que está establecido en 4 niveis, mantense do seguinte xeito:

  • Máxima. Para incidencia maior de 500 casos por 100.000 habitantes.
  • Alta. Para incidencia de 250 a 500. Viveiro.
  • Media. Para incidencia de 150 a 250. Cervo, Xove, Vilalba e Monforte.
  • Baixa. Por debaixo de 150. O resto da provincia.

OS DATOS DE HOXE

Os casos activos na provincia comezan de novo a descender tralo susto dos últimos días debido a varios gromos.

Así, este mércores hai 219 casos activos de covid, 9 menos que onte, cando a xornada anterior a subida foi de un caso. Como contrapartida, a hospitalizacion empeora.

Diagnosticaron nas últimas 24 horas 9 casos novos (onte foron 13 e anteonte 17 polo que xa se ve a tendencia á baixa). As altas chegaron ás 11.354, 20 en 24 horas, mentres que o día anterior foron 12.

Dende que comezou a pandemia, no mes de marzo do pasado ano, hai 12.792 casos rexistrados e 214 persoas falecidas.

Nos hospitais, na UCI queda cun paciente pero soben os ingresos en planta, que son 11 (1 máis), 3 están no Hula (1 menos), 3 en Burela (1 máis) e 3 en Monforte (1 máis).

POR COMARCAS

A Mariña mellora cifras malia empeorar as restricións da Xunta. Os concellos de Navia de Suarna e O Incio elevan moito a incidencia aínda que non haberá restricións para eles.

A Mariña

  • Os casos en Viveiro seguen subindo, ata 35, 1 máis que onte. Comeza a remitir deste xeito o gromo.
  • Elevada incidencia para Xove e Cervo polos casos vinculados co gromo de Viveiro, menos de dez en cada un.
  • Incidencia leve en Burela, Foz, Ribadeo e Lourenzá.
  • Mondoñedo e Alfoz volven ter casos.
  • Sen casos novos máis de 15 días están Ourol, O Valadouro, A Pontenova, Riotorto, O Vicedo, Barreiros e Trabada.

Terra Chá

  • Vilalba sobe a 23 casos (1 máis).
  • Pol e Guitiriz, por debaixo de dez, teñen casos pero con incidencia leve.
  • Xermade está sen casos en 7 días.
  • Sen positivos dende hai máis de quince días están: Abadín, Muras, Begonte, Rábade, Outeiro de Rei, Castro de Rei, Friol, Meira, Cospeito e A Pastoriza. Únese As Pontes.

Centro da provincia

  • Os casos en Lugo retroceden de novo ata 64 (2 menos).
  • Volven os positivos a Monterroso pero con incidencia leve.
  • Navia de Suarna continúa cunha incidencia alta de casos, pero por debaixo de 10.
  • Limpos de covid nos últimos quince días están: Negueira de Muñiz, Portomarín, Baleira, Guntín, Antas de Ulla, Castroverde, Pedrafita, As Nogais, Baralla, Ribeira de Piquín, Becerreá, Cervantes, A Fonsagrada, Palas e O Corgo.

Comarca de Sarria

  • Sarria ten casos pero con baixa incidencia.
  • O Incio tamén ten casos por debaixo de dez pero con incidencia alta.
  • Láncara leva unha semana sen casos.
  • Triacastela, Samos, Paradela e O Páramo seguen limpos de covid dende fai dúas semanas polo menos.

Ribeira Sacra

  • Monforte mantense en 22 casos.
  • Pantón e A Pobra de Brollón teñen positivos pero con incidencia leve.
  • Sober leva unha semana sen positivos. Únese Chantada.
  • Sen casos en máis de quince días: Ribas de Sil, Bóveda, O Saviñao, Quiroga, Taboada e Folgoso. Únese Carballedo.