Skip to main content
Cervo

Cervo úrxelle á Deputación a limpeza das vías da súa titularidade

Por 25 Xuño, 2021Sin comentarios

O Concello de Cervo amosou a súa preocupación polo estado no que se atopan todas as vías de titularidade provincial que transcorren polo termo municipal e cuxo mantemento corresponde á Deputación,  “que a día de hoxe están totalmente invadidas pola maleza”, din a edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, e a tenente alcalde, Dolores García Caramés.

As concelleiras explican que un verán máis, vimos de remitirlle unha solicitude por escrito ao organismo provincial urxíndolle que execute estes traballos “porque o estado destas vías, á marxe da mala imaxe que proxecta, supón un serio perigo para a seguridade dos peóns e do tráfico rodado”.

As vías de titularidade provincial que se atopan nun estado deficiente son a de río Covo-Porto de San Cibrao LU-P-1501; Burela – Vilaestrofe – Ferreira LU-P-1502, Río Covo – Trasbar – Vilaestrofe  LU-P-1503, Río Covo – Fábrica de Sargadelos LU-P-1504, Sargadelos – Vilaestrofe  LU-P-1505, Cervo – Cuíña LU-P-1506, A Venta – Lieiro LU-P-1507, Figueirido – Paraño – Sargadelos LU-P-1508, Pedrouzos – Senra LU-P-1509 e San Cibrao – A Marosa – Burela LU-P-1510.

Desde o Concello de Cervo pídenlle pois, encarecidadamente, á Deputación Provincial que asuma a súa responsabilidade e que acondicione estas estradas con urxencia “porque o verán xa comezou oficialmente, e como saben, é nestas datas cando o fluxo de peóns e tamén de vehículos se ve notablemente incrementado, co correspondente risco que supón a falta de visibilidade e de espazos adecuadamente transitables que detectamos e identificamos en numerosos puntos destas estradas provinciais”.