Skip to main content
Axenda Caducada

As xornadas de Lucus in Vino Veritas inclúen expositores de 25 adegas

Por 3 Xuño, 2021Xuño 5th, 2021Sin comentarios

Lucus in Vino Veritas realizará o venres 4 de xuño unha sesión sobre aperitivos e maridaxe que se desenvolverá, a partir das 12.30 horas nas dependencias do CEI Nodus de Lugo, e na que intervirán a recoñecida sumiller Susana Barros, xunto con outros cinco chefs da Asociación Cociñeiros de Lugo. Estes restauradores elaborarán diversas tapas especiais para o evento maridadas pola sumiller.

Esta actividade matinal, de acceso libre e gratuíto ata completar o aforo, terá continuidade en quenda de tarde, a partir das 21.30 horas, no adro da basílica da capital luguesa, cunha cata de viños guiada pola propia Susana Barros. As persoas interesadas en tomar parte nesta sesión, que tamén terá un foro limitado, deberán pagar unha entrada de 10 euros.

Evento principal con 25 adegas

O evento principal de Lugo in Vino Veritas desenvolverase ao longo do sábado 5 de xuño no adro da fachada da Catedral de Lugo.

O programa de actividades previstas para o sábado comezará ás 11.00 horas coa apertura de portas do recinto no que haberá expositores de 25 adegas: Mitarte, José Luis Aristegui, Anónimas Viticultoras, Nogueira, Sernande, Bodega E.D.V., Castrofiz, Lar de Ricobao, Lively Wines, Atrium Vitis, Os Cipreses, Cume do Avia, Cana das Bolboretas, Vía Romana, Gerardo Méndez, Finca Scintilla, Bodegas Gratias, Corisca, Adegas Catrobrey, Pateiro, Bruno Murciano, Rara Besta, Península Viticultores, Pazo Lalón e Bodegas Petrón.

A xornada inclúe unha cata de augardentes licores impartida por Sonia Otero Padín, vogal do consello regulador da I.X. das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, permitirá ás persoas inscritas catar seis dos licores premiados en 2020. Esta sesión comezará ás 11.30 horas e rematará antes das 13.00 horas, cando se desenvolverá unha sesión de showcooking con Cociñeiros de Lugo, durante a que se poderán probar e saborear caldos galegos e algúns dos mellores produtos da gastronomía luguesa.

Xa en quenda de tarde, o programa de Lucus in Vino Veritas inclúe un concurso de cata de viños por equipos que comezará ás 18.00 horas e estará coordinado por Juanjo Torres. Ao remate desta sesión, que contempla tres premios para os mellores clasificados, desenvolverase un novo showcooking ao vivo que terá como protagonistas a chefs da Asociación Provincial Cociñeiros Lugo. Un concerto, a partir das 21.00 horas, a cargo de Supreme Jazz Dúo, servirá de peche da segunda edición de Lucus in Vino Veritas.

As entradas para participar nas distintas actividades programadas ao abeiro deste evento vinícola organizado por Vinissi poden solicitarse na web do evento www.lucusinvinoveritas.com. Tamén se pode acadar máis información ao respecto a través do enderezo de correo electrónico info@lucusinvinoveritas.com ou no número de teléfono 620 727 006.