Skip to main content
Antas de Ulla

AVA pide ao Concello de Antas o acondicionamento dunha ruta de sendeirismo

Por 12 Xuño, 2021Sin comentarios

Dende a Asociación de Veciños de Antas de Ulla sinalan que “de cara ao vindeiro Pleno Ordinario, que se ten que celebrar a finais deste mes de xuño, imos defender unha iniciativa encamiñada a instar ao goberno municipal a que acondicione e sinalice unha ruta de sendeirismo no concello”.

Así pois, os veciños destacan o entorno no que se atopa, cunha salientable riqueza paisaxística, natural e patrimonial e, consideran que as Administracións teñen que poñer empeño e esforzo no seu coidado e posta en valor. “Nestes tempos nos que tanto se fala de impulsar o turismo de proximidade, de atraer visitantes, é salientable que non contemos nin cun roteiro debidamente sinalizado”, defenden.  

Desta forma, tamén engaden que “non toda acción encamiñada á posta en valor do territorio ten que pasar polo desembolso de centos de miles de euros das arcas públicas nin por levar a cabo de grandes intervencións: habilitar unha ruta de sendeirismo é unha actuación sinxela, pouco custosa, para a realización da cal o Concello conta con medios propios máis que suficientes”.

Por iso, tamén sinalan que unha senda que transite polos espazos máis singulares da contorna é unha ferramenta humilde, pero de utilidade á hora de contribuír a valorizar o territorio, de facilitar os medios para o desfrute do mesmo, tanto da propia veciñanza como dos viaxeiros que decidan achegarse ao municipio. 

Ademais, dende AVA conclúen que “a nosa proposta ten unha segunda vertente: que o goberno municipal se implique activamente en promover xunto cos Concellos de Palas de Rei e de Monterroso, a sinalización dunha ruta de gran percorrido, con diversas variantes que pasen polos lugares naturais,  paisaxísticos e patrimoniais máis destacados”.