Skip to main content
Lugo

Investidos 369.500 euros nun obradoiro de emprego

Por 16 Xuño, 2021Sin comentarios

Investidos 369.500 euros nun obradoiro de garantía xuvenil promovido polo Concello de Lugo, no que se formarán 16 mozos e mozas desempregados menores de 30 anos.

A iniciativa dará comezo no prazo dun mes e impartirá dúas especialidades, co que haberá oito alumnos na de Desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos e outros tantos na de Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web. Os participantes traballarán na xeración de contidos dixitais e na creación e publicación de páxinas web.

Os obradoiros de emprego proporcionan aos participantes formación teórica e práctica e experiencia laboral mediante un contrato de traballo; tamén impulsan o emprendemento, con coñecementos específicos que lles permiten poñer en marcha o seu propio proxecto de negocio. 

A formación complementaria inclúe módulos de informática, sensibilización ambiental, igualdade de xénero, prevención de riscos laborais, así como asesoramento e orientación laboral. Igualmente, ofértase formación específica para que as persoas que non teñan a titulación de educación secundaria obrigatoria poidan acadala.  Ao rematar a actividade, acceden a un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. 

Por outra banda, os obradoiros realizan obras e servizos de interese xeral e social en beneficio da comunidade, polo que son unha das propostas de emprego máis valoradas polos concellos.