Skip to main content
Monforte

Abre o prazo de matrícula para os Cursos de Verán do Conservatorio de Monforte

Por 29 Xuño, 2021Xullo 1st, 2021Sin comentarios

O Concello de Monforte informa da apertura do prazo de matrícula para os Cursos de Verán de Música e Danza que se organizan no Conservatorio de Música Municipal Mestre Ibañez que será do 28 de xuño ó 9 de xullo, e do 3 ao 10 de agosto.

Ao igual que na pasada edición de 2020, os cursos vanse desenvolver en diversas semanas tanto no mes de xullo coma no de agosto, algo que en anteriores anos so se celebraba no mes de xullo. Neste senso, o alcalde, José Tomé Roca, sinala que “dende o Equipo de Goberno do Concello, e dada a situación que seguimos a vivir por mor do COVID-19, decidimos manter a celebración destes cursos nos meses de xullo e de agosto, motivados polas necesidades de conciliación familiar dos monfortinos e monfortinas así como para que  nenos e nenas poidan disfrutar dunhas vacacións activas practicando, como é neste caso, actividades tanto lúdicas coma formativas relacionadas coa danza e a música”.

Matrícula

O prezo dos cursos de verán de danza e música, que se desenvolverán no Conservatorio Municipal Mestre Ibañez será, para todos os casos, de 25 euros, e neste prezo inclúese que os alumnos e alumnas poderán elixir ata un máximo de dúas materias, de música, danza ou ambas. Do mesmo xeito, poderán participar en máis materias cubrindo outra solicitude. O nivel das diferentes materias será de iniciación, medio ou avanzado.

O horario de desenvolvemento dos Cursos serán en horario de mañá, repartido por grupos e niveis, entre as 10 e as 13 horas. As clases das materias inscritas terán unha duración de unha hora, que se comunicará previamente, agás o Curso de música e movemento que se desenvolverá nun só grupo de 11 a 13 horas.

O prazo de inscrición abrirase a partir do vindeiro luns 28 de xuño ata o 9 de xullo, e do 3 ó 10 de agosto.

A inscrición realizarase na ventanilla de secretaría do Conservatorio en horario de mañá, aportando a solicitude e impreso de autoliquidación debidamente cubertos,  copia do dni do alumno, e o recibo da taxa aboada. Tamén se pode enviar a documentación por correo electrónico: cursos.musicaedanza@concellodemonforte.com.

As solicitudes poderánse descargar na Sede Electrónica do Concello, no catálogo de trámites, modalidade Conservatorio Municipal de Música, ou recollelas na mesma secretaría do Conservatorio.

As materias de instrumento estarán dirixidas a alumnos e alumnas a partir de 6 anos de idade e constará de obradoiros de práctica instrumental de especialidades como, guitarra, violín, piano, saxofón, clarinete, frauta, trompa, trompeta, trombón, gaita, percusión moderna (batería) e percusión tradicional galega (pandeireta, pandeiro, tambor..). Para inscribirse nas materias de instrumento será indispensable que o alumno aporte o seu propio instrumento persoal, agás en piano e percusión. En piano será preciso traer auriculares, así como un xogo de pinturas nos alumnos e alumnas de ata 7 anos. No caso da percusión, será preciso traer un par de baquetas.

O curso de música e movemento está dirixido especificamente a nenos e nenas de entre 4 e 5 anos. Constará dun taller específico e combinado de música e movemento, no que os alumnos e as alumnas iniciaranse na educación rítmica, vocal e auditiva. Neste taller os alumnos e as alumnas terán que aportar como material propio lapis, goma, afialapis e un xogo de pinturas. Poderanse incrementar as prazas en música e movemento en función da situación sanitaria no momento da inscrición.

Polo que respecta á danza, estará dirixida tanto a nenos e nenas como a xóvenes en xeral nas súas distintas modalidades. Formaranse distintos obradoiros por idades en danza tradicional galega, moderna e clásica.