Skip to main content
Cospeito

A Xunta anuncia que fará un estudo da Torre de Caldaloba

Por 26 Xuño, 2021Xuño 28th, 2021Sin comentarios

Tras varias protestas, manifestacións, e demandas a través de mocións e outras iniciativas, finalmente a Xunta confirmou que iniciará este mesmo ano traballos arqueolóxicos para o estudo e documentación da Torre de Caldaloba en Cospeito, co obxectivo de realizar no futuro novas intervencións de posta en valor e consolidación deste ben de interese cultural. Ao mesmo tempo, manifestou que o Concello está a negociar cos propietarios un acordo para que este ben pase a mans públicas.

O deputado popular José Luis Ferro salientou a importancia de que a Torre de Caldaloba teña a consideración de BIC, “pois isto supón o máximo nivel de protección previsto na Lei de patrimonio cultural de Galicia”. “A figura de BIC deriva en toda unha serie de requirimentos e obrigas referentes a autorizacións, conservación, mantemento, permisos de acceso ou visitas publicas, entre outros, polo que cómpre trasladar unha mensaxe de tranquilidade porque esta edificación conta co máis elevado nivel de protección”, apuntou.

PASO FUNDAMENTAL

O deputado popular lembrou que a comezos do ano 2000 realizáronse traballos de consolidación e restauración da Torre de Caldaloba “e, nestes momentos, os técnicos da Consellería de Cultura están mantendo xuntanzas cos propietarios deste ben para levar a cabo unha actuación de limpeza, levantamento fotogramétrico e realización de sondaxes, co obxectivo de documentala e estudala en profundidade”.

“Esta actuación é un paso fundamental para poder realizar outro tipo de accións no futuro de consolidación e posta en valor”, sinalou José Luis Ferro.