Skip to main content
Vilalba

Comerciantes de Vilalba protestan contra os cambios na zona centro

Por 17 Xuño, 2021Sin comentarios

Comerciantes da rúa da Pravia e a súa contorna reuníronse onte coa alcaldesa nunha tensa xuntanza na que lle fixeron chegar as súas queixas polos cambios anunciados no sentido do tráfico así como “pola lentitude” para solucionar os problemas como o escape de gas na Casa das Maragatinas.

O Concello anunciou onte que se abriría proximamente ao tráfico de novo a rúa da Pravia pero nun só sentido de circulación “por motivos de seguridade”. Tras este anuncio, os comerciantes da contorna solicitaron unha reunión coa alcaldesa que finalmente, e debido ao elevado número de asistentes, celebrouse no exterior, ante a casa da cultura.

Os comerciantes aseguran que medidas coma estas están prexudicando gravemente ao sector porque non facilitan a chegada de visitantes e as dificultades de tráfico envían aos veciños das parroquias a realizar as compras noutros lugares.

Pero a reunión xa comezou de forma tensa cando nun principio limitouse a entrada á mesma só aos comerciantes da Pravia, cando acudiron tamén afectados das rúas limítrofes.

“Vilalba é un mercado, e os que están facendo con todas estas medidas é desanimar á xente da contorna que veña facer as súas compras na vila”, era o clamor popular da xornada. Indican que os cambios de dirección afastan aos visitantes do centro da cidade, quitan aparcamentos e causan incomodidade aos visitantes, que empezan a escoller outras vilas para facer as compras.

A situación empeorou cando o Concello avanzou que esta medida non sería provisional senón de forma permanente tal e como se contempla no Plan de Mobilidade.

Así mesmo, os comerciantes increparon ao Goberno local por non terlles consultadas medidas como estas, “tan drásticas, e que nos afectan a todos”.

Afirman tamén que nestes tempos de recuperación da pandemia “están facendo que sexa máis difícil manter os negocios abertos”.

Non faltaron tamén as queixas pola “lentitude” e a “ineficacia” para solucionar os problemas causados polo escape de gas e posterior derrubamento na rúa da Pravia.

Os comerciantes non descartan iniciar mobilizacións contra estas medidas.