O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia provocada pola covid-19, vén de acordar o establecemento de novas restricións. No tocante á provincia de Lugo, poucos cambios. Viveiro continuará en alerta alta e Xove en media, ao igual que Monforte e Vilalba.
Boas noticias para Cervo, que deixará o nivel de alerta na madrugada do sábado ao domingo, momento no que entrarán en vigor as novas normas.
Os cambios de restricións por concellos estarán do seguinte xeito:
- Máxima. Para incidencia maior de 500 casos por 100.000 habitantes.
- Alta. Para incidencia de 250 a 500. Viveiro.
- Media. Para incidencia de 150 a 250. Xove, Vilalba e Monforte.
- Baixa. Por debaixo de 150. O resto da provincia.
OS DATOS DE HOXE
Outros seis novos casos súmanse hoxe ao balance da provincia, que acada os 268. Rompe xa o crecemento dos últimos días xa que foron dous días de 9 casos novos en cada xornada. Tamén baixan os novos positivos.
Diagnosticaron nas últimas 24 horas 11 casos novos (onte foron 20). As altas chegaron ás 11.416, 6 en 24 horas, mentres que o día anterior foron 8.
Dende que comezou a pandemia, no mes de marzo do pasado ano, hai 12.905 casos rexistrados e 216 persoas falecidas.
A presión hospitalaria pola contra, non mellora. Hai unha persoa na UCI (1 menos) e 11 nas diferentes plantas (1 máis), 6están no Hula (1 máis), 4 en Burela (1 máis) e 1 en Monforte.
POR COMARCAS
Primeira melloría dos datos do gromo da Mariña, con Viveiro á baixa e dous concellos máis limpos de covid. Empeora eso si en Xove. No resto melloran cifras.
A Mariña
- Primeira baixada de casos en Viveiro, con 54, 2 menos que onte.
- Xove, pola contra, ten unha subida de 4 casos, 15 en total.
- Ribadeo seguen con 15 casos, pero con incidencia baixa.
- Incidencia tamén leve en Burela, Foz, Cervo e o Valadouro.
- Lourenzá está sen casos na última semana. Únense Mondoñedo e Alfoz.
- Sen casos novos máis de 15 días están Ourol, A Pontenova, Riotorto, O Vicedo, Barreiros e Trabada.
Terra Chá
- Vilalba segue con 27 positivos na última quincena e manterá a alerta media.
- Begonte, Cospeito, As Pontes e Meira e Abadín están por debaixo de dez casos pero con incidencia leve. Súmase Outeiro de Rei.
- Pol e Guitiriz non tiveron casos na última semana.
- Sen positivos dende hai máis de quince días están: Muras, Rábade, Castro de Rei, Friol, A Pastoriza e Xermade.
Centro da provincia
- Os casos en Lugo baixan a 61 (3 menos).
- Con incidencia leve están Portomarín e Castroverde.
- Navia de Suarna leva unha semana sen positivos.
- Limpos de covid nos últimos quince días están: Negueira de Muñiz, Baleira, Guntín, Antas de Ulla, Pedrafita, As Nogais, Baralla, Ribeira de Piquín, Becerreá, Cervantes, A Fonsagrada, Palas, O Corgo e Monterroso.
Comarca de Sarria
- Sarria ten casos pero con moi baixa incidencia.
- O Incio leva unha semana sen casos.
- Triacastela, Samos, Paradela, O Páramo e Láncara seguen limpos de covid dende fai dúas semanas polo menos.
Ribeira Sacra
- Monforte segue en 22 positivos en 15 días.
- Chantada, Taboada e Quiroga teñen positivos pero con incidencia leve.
- Pantón e A Pobra de Brollón levan unha semana sen positivos.
- Sen casos en máis de quince días: Ribas de Sil, Bóveda, O Saviñao, Folgoso, Carballedo e Sober.