Skip to main content
Burela

Burela está a executar de forma subsidiaria labores de roce de fincas

Por 25 Xullo, 2021Sin comentarios

O Concello de Burela está a executar de forma subsidiaria labores de roce de fincas ou parcelas que non foron adecentadas polos seus propietarios. O alcalde, Alfredo Llano, cualifica de irresponsables e incívicas esas condutas que poderán ser obxecto de sancións de ata 6.000 euros. 

O rexedor explicou que “esta administración local xa está executando de forma subsidiaria as labores de roce das fincas ou parcelas situadas no noso termo municipal, e todo elo a costa das persoas propietarias que non cumpriron coas súas obrigas de mantemento, conservación e limpeza. Deste xeito, logo da tramitación do preceptivo procedemento administrativo, o Concello de Burela está rozando aquelas fincas ou parcelas que, irresponsablemente, as súas persoas propietarias non rozan, nin limpan, a pesares de ser sistematicamente instadas polo Concello para que o fagan voluntariamente”.

Llano dixo que “como non podía ser doutro xeito, unha vez executados ditos traballos, procederase a liquidar o custe dos mesmos ás persoas propietarias incumpridoras e, consecuentemente, procederase ao seu cobro, e todo elo sen prexuízo de que se proceda a iniciar o correspondente procedemento sancionador e, de resultar procedente, se sancione dita incívica conduta cunha multa que podería ascender ata 6000 euros”.   

Alfredo Llano lémbralles “a todas as persoas propietarias que non dan cumprimento ás súas obrigas de mantemento, conservación e limpeza das súas fincas ou parcelas, que a súa irresponsabilidade xera un grave problema medioambiental, de salubridade e mesmo de risco de incendio, que afecta a toda a nosa veciñanza, e que o Concello de Burela, ante ditas condutas, actuará utilizando todos os medios que a normativa lle atribúe para a defensa do interese xeral do noso pobo”. 

O alcalde tamén tivo palabras de agradecemento para as persoas que manteñen as súas fincas en perfectas condicións: “agradecerlles tamén a todas aquelas persoas propietarias –que son a grande maioría-, a súa responsabilidade para coas súas obrigas e o seu civismo á hora de manter as súas fincas ou parcelas privadas en debidas condicións. Sen dúbida, este último é o exemplo de conduta cidadá a seguir se queremos ter un medio ambiente sostible, uns espazos urbanos e rurais limpos e saudables, e un pobo atractivo e cun alto grado de calidade de vida tanto para súa veciñanza, como para as persoas que nos visitan acotío”.