Skip to main content
Ribadeo

Suárez adianta “importantes actuacións” en Vilaseán

Por 6 Xullo, 2021Sin comentarios

O Concello acometerá importantes actuacións na parroquia de Vilaselán, que terán unha incidencia positiva nas inmediacións do núcleo da Torre, segundo ven de anunciar o alcalde, Fernando Suárez. 

O rexedor asegura que “estamos a traballar actualmente para crear ao final deste ano  un carril-bici na estrada que vai ao faro desde o núcleo de Ribadeo. Esta importante actuación ten unha serie de melloras derivadas desta principal como é o aglomerado do viario que, iniciando desde a praia de Rochas Brancas continúa pola depuradora vella, pasa polo Carrancón e vai dar á estrada da Deputación LU-P5202”.

Suárez Barcia explica que “tamén neste 2021 temos previsto aglomerar o viario de acceso ao núcleo da Torre, concretamente desde as inmediacións da autovía ata o encontro co camiño do Carrancón”. 

O alcalde engade que “estas dúas actuacións mellorarán significativamente os acceso desta parte da parroquia de Vilaselán, e por extensión á Torre”. E subliña “o compromiso de actuar o ano que ven no camiño da Torre, tal e como estabamos a planificar, aínda que sempre supeditado á necesidade de actuar no público ou no privado, se este é cedido. Calquera outra actuación non será posible desde o punto de vista legal nin desde o punto de vista da coherencia coas actuacións que levamos feito ao longo destes anos”.

Deste xeito se dirixe o alcalde, Fernando Suárez, ao representante dos veciños e veciñas da Torre ao que lle lembra os esforzos realizados nos últimos anos por parte do Concello de Ribadeo para poder arranxar o Camiño da Torre: “estes esforzos tornáronse infrutuosos pois a lexítima intención de cesión de superficies necesarias de espazo público para unha regularización do camiño acaba unha e outra vez sendo infrutuosa”. 

O rexedor alude ás súas posibilidades que se barallan: “a primeira delas é a actuación da obra na parte pública existente, aínda que o viario non queda todo o regularizado na súa anchura que ao goberno municipal lle gustaría. E a outra opción é pospoñer a actuación ata que os propietarios das partes necesarias para dar un ancho uniforme accedan á cesión voluntaria e gratuíta”. Fernando Suárez lembra todas as xuntanzas mantidas nos últimos tempos cos veciños e veciñas da Torre: “recentemente a inicios deste 2021 e cando estabamos a planificar as actuacións en camiños para este ano en curso producíronse varias xuntanzas para ver como contactar novamente cos propietarios afectados para que cedesen as partes necesarias para lograr un ancho uniforme. Lamentablemente, os que de inicio aceptaron logo volvéronse atrás”.