Skip to main content
BarreirosComarca AMARIÑAXARibadeo

Ribadeo e Barreiros poñen en marcha un novo obradoiro de emprego

Por 15 Xullo, 2021Sin comentarios

O Concello de Ribadeo, a través da Area de Desenvolvemento Local, poñerá en marcha no mes de agosto un novo obradoiro de emprego dirixido a persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Este proxecto levarase a cabo en colaboración co Concello de Barreiros e na actualidade os dous concellos xa están desenvolvendo un programa destas características, no que están contratadas 16 persoas.

Este novo proxecto, denominado Territorio Vivo, pretende poñer en valor o patrimonio natural e histórico que ámbolos dous Concellos posúen, establecendo actividades que busquen a súa protección e difusión e fomentando así a súa permanencia no tempo. Do mesmo xeito preténdese crear na cidadanía a sensibilización por protexer o legado histórico e natural que lles é máis próximo.

As actuacións que se levarán a cabo no eido da educación e interpretación ambiental son, entre outras, a análise do territorio dende un punto de vista natural, a creación dun centro de interpretación virtual do patrimonio natural, a realización de visitas guiadas interpretadas aos espazos rurais e naturais, a realización de talleres de educación ambiental, a creación de varias xeorutas e a unión dos Concellos de Ribadeo e Barreiros a través dunha ruta.

No ámbito de arquivos e dixitalización, o traballo centrarase principalmente na organización da documentación dos arquivos municipais, na creación dunha ferramenta de busca avanzada, a realización de exposicións coa documentación máis relevante, e a indización e elaboración dun tesauro dos libros de actas do Concello, consistente na tradución dos documentos escritos en castelán antigo.

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, dixo que “a duración deste obradoiro de emprego será de 12 meses, nos que estarán contratadas a tempo completo 16 persoas alumnas-traballadoras dos concellos de Ribadeo e Barreiros. A maiores xeraranse outros 2 postos de traballo de persoal docente. Ao longo destes 12 meses impartiranse as especialidades formativas de Interpretación e educación medioambiental e Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos. Trátase dunha programación formativa dirixida á obtención dun certificado de profesionalidade. Isto permitirá que ao rematar a súa participación no obradoiro de emprego, os alumnos e alumnas participantes estean en condicións de incorporarse ao mercado laboral para ocupar postos de traballo tales como  monitor/a-guía de educación ambiental, informador/a ambiental, xestión documental ou dixitalización”.

E engadiu que “esta oferta formativa vai dirixida ás persoas mozas desempregadas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Os requisitos para poder participar neste obradoiro de emprego son, por tanto, ter ata 30 anos de idade, atoparse inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil, estar en situación de desemprego e solicitar a participación neste programa a través da Oficina de Emprego. No caso do certificado de profesionalidade de Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos non é preciso contar con ningún nivel mínimo de formación. En cambio para o certificado de Interpretación e educación medioambiental ao tratarse dun nivel 3,  requírese unha formación mínima de Bacharelato, Ciclo Medio ou Superior ou equivalentes”.

As persoas interesadas nas ofertas de docentes poderán consultar as bases de selección no taboleiro de anuncios de ambos os dous Concellos. As solicitudes poderán facerse no Concello ou na Oficina de Emprego ata o 30 de xullo.