Skip to main content
Ribadeo

Destinan 215.400 euros ao contrato de atención aos visitantes na praia das Catedrais

Por 21 Xullo, 2021Sin comentarios

Destinan 215.400 euros para os vindeiros dous anos, ata maio de 2023, ao contrato de atención a visitantes no Monumento Natural da Praia das Catedrais, en Ribadeo, cuxa formalización vén de publicarse na Plataforma de Contratos de Galicia.

Así o anunciou o goberno galego nunha aposta por unha xestión “que logre compatibilizar o seu uso público ordenado coa divulgación dos seus valores naturais e a súa conservación”.

Nese sentido, referíronse ás medidas de reforzo dos paneis de advertencia, información e promoción e á contratación de guías para que informen aos visitantes e advirtan do que non se debe facer.

O servizo de atención ao público préstase durante os períodos con limitación de acceso á praia, Semana Santa e meses de verán -ata 30 de setembro-, así como en fins de semana ou datas festivas con moita afluencia turística, como o 1 de maio, as Letras Galegas ou as pontes da Hispanidade, de Todos os Santos e da Constitución.

Un dos cometidos é controlar a entrada e informar sobre a normativa de uso do areal, como a prohibición de ir por fóra dos camiños e sendeiros, miradoiros e áreas de descanso, recolección de especies de fauna e flora, tirar cabichas e lixo fóra dos lugares habilitados para tal fin, realizar escalada ou similares ou destruír e deteriorar as formacións xeolóxicas, incluíndo a realización de pintadas ou gravados sobre as paredes dos acantilados e a substracción de materiais. 

Así mesmo, infórmase dos importes das sancións e dos riscos que poden existir e realízase o seguimento do comportamento dos visitantes. Nese sentido, Arias incidiu en que o coidado deste entorno “ten que contar coa colaboración de todos” e advertiu de que os malos usos ““impactan moi negativamente sobre os espazos protexidos”.

O persoal contratado realiza tarefas divulgativas e visitas guiadas explicando os procesos xeolóxicos que motivaron a formación e evolución do monumento natural, así como os hábitats e especies existentes e as súas presións e ameazas. 

“É moi importante este traballo de difusión para lograr a sensibilización e o compromiso social na conservación das Catedrais e para concienciar sobre o seu valor e sobre os riscos que pode conlevar un mal uso deste espazo”, salientan desde o Gobenro galego.  

O contrato inclúe tamén medidas de reforzo da sinalización de advertencia das zonas onde se poden producir desprendementos e a organización das áreas de aparcamento.  

Atractivo turístico

“Cada vez máis persoas demandan desfrutar de forma segura e sustentable de espazos naturais protexidos como este entorno das Catedrais, que constitúe un dos principais reclamos turísticos da Mariña e de toda Galicia”, dixo o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias. 

Lembrou que a raíz da aprobación do Plan de conservación deste espazo en 2015 regúlase o acceso á praia nas datas de maior afluencia e avanzou os primeiros datos de visitas deste verán. Así, indicou que no que vai do mes de xullo, 53.503 persoas solicitaron a entrada, sen que en ningunha xornada se alcanzara o tope máximo diario, limitado a 4.812 visitantes. O día con máis rexistros foi onte, luns 19, cando se ocuparon 3.572  das prazas ofertadas.