Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Musiqueando programará na provincia máis dun cento de actuacións no verán

Por 16 Xullo, 2021Sin comentarios

Máis dun cento de asociacións e concellos solicitaron actuacións de grupos tradicionais, bandas e corais dentro do programa Musiqueando, promovido pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para incentivar a presenza da música tradicional nas celebracións populares. A demanda de actuacións duplicouse a respecto á pasada anualidade, na que a situación sanitaria reduciu o número de peticións rexistradas.

A Vicepresidencia da Deputación destaca a colaboración e o interese amosado polas asociacións e concellos para dar continuidade a esta programación musical que incluirá máis dun cento de actuacións polas distintas comarcas entre os meses de xullo e novembro.

As actuacións correrán a cargo das preto de setenta agrupacións que se inscribiron na convocatoria: 40 grupos de música tradicional, 12 corais e 16 bandas, que reúnen preto de 1.000 voces e instrumentistas do ámbito profesional e amador. Musiqueando dá así pulo a un tecido de agrupacións que facilitan o acceso á música en todo o territorio e desenvolven unha importante labor fomativa, mantendo entre a súa actividade clases de música e baile.

Desde a área de Cultura, incentivouse a participación ofrecendo a entidades programadoras e agrupacións as mesmas facilidades que na convocatoria de 2020. Dun lado, a entidade provincial asume o cento por cento do custo das actuacións, liberando do investimento a concellos e asociacións; doutro, no caso de que as circunstancias sanitarias impidan celebrar as actuacións concertadas ao vivo, os grupos teñen a opción de facer unha gravación audiovisual para difundir a través das canles dixitais da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.